Un 25N adaptado á situación: máis dixital, artístico e comprometido ca nunca

O Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, o 25N, é unha data moi importante a nivel social pola necesidade de visibilizar e concienciar sobre unha lacra que non entende nin de pandemias nin de ningunha outra circunstancia.

Todos os anos, o Concello organiza un acto institucional no salón de Plenos no que se fai entrega dos Premios Lazo Violeta e no que se le a declaración institucional creada para ese día. Pero este ano é preciso cambiar o formato para poder adaptar a conmemoración do 25N ás restricións sanitarias vixentes.

Deste xeito, realizarase un proxecto artístico na Alameda de Rosalía de Castro, utilizando o arte para visibilizar a realidade das mulleres que sofren violencia de xénero. Dentro desta intervención artística, tomará relevancia un banco pintado de cor morado que o CIM vén de elaborar e no que se pode ler unha frase dunha vítima de violencia machista, que creou a “Carta aberta á liberdade”, que se traballará co alumnado  dos institutos marinenses. A frase que se pode ler é “Unha nova vida empeza e a túa liberdade está ao outro lado do medo”.

O Palco da Música tamén acollerá a exposición de arte fotográfico “Cadeas rotas” coa participación de mulleres marinenses, unha mostra itinerante que pasou polos distintos centros educativos da vila.

Precisamente cos centros tamén se están a realizar diferentes actividades, segundo os distintos rangos de idade, que se traballarán co alumnado durante todo o que resta de mes.

Aproveitando o espazo virtual

Por outra banda e dadas as circunstancias derivadas do coronavirus, intensificarase o uso das novas canles de comunicación para organizar accións relacionadas co 25N.

De xeito concreto, durante toda a semana anterior ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, subiranse publicacións ás redes sociais do Concello recollendo parte das actividades organizadas polo CIM.

Asemade, o CIM de Marín dá un importante paso na súa dixitalización e no seu incansable traballo de formación e divulgación en igualdade, coa creación dunha páxina web, que se estreará o propio 25N. Nela poderán consultarse recursos na rede para toda a cidadanía.

Premios Lazo Violeta

Tal e como xa se adiantou, este ano os Premios Lazo Violeta serán concedidos polo Consello Municipal da Muller aos grupos profesionais que interveñen na xestión dos casos de violencia de xénero e que viron intensificado o seu traballo durante a pandemia.

Son a Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía de Marín (UFAM), o Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, a quenda especial de violencia de xénero do Colexio Oficial de Avogacía de Pontevedra, o Xulgado de Garda, o Centro de Recuperación Integral da Muller, a Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Igualdade en Galicia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies