Contacto | Tel.:986 88 03 00

Víctor Loira será o pregoeiro dunhas festas da Virxe do Carme diferentes e adaptadas á nova normalidade

Unhas festas centradas na dinamización cultural de pequeno formato e cunha aposta polo local e pola diversificación de espazos. Así serán as Festas da Virxe do Carme, que xa contan desde hoxe con pregoeiro e con cartel, dous detalles da programación que adiantaron esta mañá en rolda de prensa as concelleiras encargadas de Festexos, Marián Sanmartín e Raquel Soage.

O encargado de abrir as festas, que arrancarán o sábado 11 de xullo á tarde-noite no Parque Eguren, será o marinense Víctor Loira. Coñecido por todos, Víctor é un dos directivos da asociación ASSEII (Asociación Socio Sanitaria de Enfermedades Inflamatorias Intestinais e Ostomías), desde a que, xunto co resto do equipo do colectivo, leva anos loitando pola visibilización destas patoloxías.

Ademais, Víctor é o exemplo máis claro de que a enfermidade nunca é un escollo para continuar vivindo e para cumprir soños e metas. O seu Crohn non lle impediu percorrer 1.320 quilómetros por Galicia en bicicleta e patinete, visitando cada unha das áreas sanitarias da comunidade para solicitar melloras na adaptación do baños para os ostomizados e reclamando outra serie de necesidades para aqueles que padecen algún tipo de enfermidade inflamatoria intestinal.

Desta proeza, naceu un documental e encheu de aínda máis forzas a Víctor para realizar hai pouco tempo outro novo reto similar, mais alcanzando zonas do resto do país.

“Xa pensaramos nel para ser pregoeiro”, asegurou Sanmartín, “pero consideramos que este ano non pode ser unha escolla mellor, pola situación que estamos a vivir e pola enorme sensibilidade que alguén coma Víctor ten en relación coa sanidade e coa enfermidade”.

Así, habilitarase no Parque Eguren un espazo que poderá albergar sentadas a cerca de 400 persoas. “Decidimos mover estas cuestións ao Eguren porque na Alameda, para cumprir coas distancias de seguridade, veríamos moi reducido o posible aforo”, asegurou na rolda de prensa a concelleira.

Sanmartín insistiu en que este ano “a programación das festas non será a habitual para estes casos, senón que será máis un programa de dinamización, repartido nas distintas prazas e rúas da vila, con actividades simultáneas para así poder diversificar á xente e evitar posibles multitudes”.

Pronto desvelaranse novos datos da programación, pero a concelleira marinense xa adiantou que aquelas actuacións polas rúas de pasarrúas, charangas, batucadas ou grupos folclóricos, que normalmente actuaban polas mañás, pasarán a tocar polas tardes-noites, “buscando tamén dinamizar a hostalaría e o comercio local”.

Seguindo esa filosofía, tamén se impulsará conxuntamente unha Feira de Artesanía Local Marín en Rede, en colaboración coas asociacións de artesanía, e organizarase un certame de bandas. Asemade, haberá opcións de dinamización para os máis pequenos da casa.

 

Unha Virxe do Carme ilustrada

Por outra banda, Soage e Sanmartín presentaron o cartel deste ano, elaborado de xeito exclusivo pola ilustradora Abi Castillo. No cartel está representada a Virxe do Carme e o neno, así como a tradición mariñeira e floreira destas festas.

Todo con guiños ao mar, á tradición e á importante unión do noso pobo coa patroa dos mariñeiros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies