Turismo de Galicia Impulsa a Arte Rupestre

Turismo de Galicia Impulsa a Arte Rupestre

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Mancomunidade de Terras de Pontevedra para consolidar esta comarca como un destino turístico diferenciado e de calidade, no que a Arte Rupestre terá un papel protagonista como recurso máis característico da zona.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Tores Courís, a directora de Turismo explicou os contidos dun convenio que contribuirá ao desenvolvemento de accións relacionadas coa promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo.

“Veciños e visitantes debemos preservar a Arte Rupestre, un patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico ao que temos que saber darlle a súa correcta orientación turística”, reflexionou Nava Castro na súa intervención. Con este fin, levaranse a cabo medidas de sensibilización e posta en valor con técnicos, poboación local e empresas do sector turístico para reivindicar a Arte Rupestre como produto estrela da Mancomunidade de Terras de Pontevedra. Neste sentido, realizarase unha xornada profesional no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro que explore as posibilidades de comercialización deste recurso turístico.

App e iniciativas innovadoras
O acordo asinado aposta polas novas tecnoloxías como ferramenta e por iso traballarase na modernización e axilización da app de Arte Rupestre, cun mapa interactivo dos petroglifos e información e detalles para a súa correcta interpretación nas visitas. Tamén se mellorará a páxina web da Mancomunidade e a do proxecto Petra. Petroglifos en Familia, cuxa marca se vai fortalecer para atraer ao público familiar. Estas medidas irán acompañadas de accións de marketing e comunicación, ademais dun premio de promoción a iniciativas innovadoras.

Outro dos eidos máis relevantes de traballo do convenio será o impulso do turismo inclusivo. Ao abeiro do Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago presentado recentemente, sensibilizarase aos empresarios sobre a necesidade de adecuar os servizos que prestan aos turistas con diversidade funcional. Para iso, levarase a cabo un estudio da oferta hoteleira co obxectivo de detectar puntos de mellora nos que poder afondar.

Nava Castro lembrou que este convenio alíñase coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta coa que a Xunta e o sector planifican o crecemento turístico coa vista posta na celebración do próximo Xacobeo 2021. A calidade e a sustentabilidade do destino constitúen as directrices desta Estratexia, que sinala os recursos endóxenos da Comunidade como o camiño para diversificar e especializar a oferta e, dese xeito, desestacionalizar a demanda.

Anterior Festa Corsaria 2017

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados