Arranca a conta atrás para unha nova edición do Samaín Briz o venres 31 de outubro
Presentacion imaxe Samain Briz

Arranca a conta atrás para unha nova edición do Samaín Briz o venres 31 de outubro

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentou a imaxe do cartel xunto coa Fundación Juan XXIII. Xa se mantiveron varias reunións cos colectivos que colaboran no desenvolvemento da festa. Volverán as rutas do medo, as estacións de acceso libre, os espectáculos e o PequeSamaín, entre outros atractivos

Marín, 13 outubro 2025

Marín xa se prepara para converterse nunha auténtica vila de medo e diversión. O Samaín Briz volverá ser o gran evento da noite do 31 de outubro e o Concello xa está inmerso en toda a planificación. A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa e hoxe, xunto coa Fundación Juan XXIII, presentou a imaxe da festa.

Xunto coa fundación, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que xa se lles sumaron o ano pasado as comparsas Cor Café, Val do Lérez, as Sonecas e este ano tamén a comparsa A Pandilla.

“Teremos de novo rutas do terror, ás que haberá que acceder facendo cola, pero tamén haberá percorridos de acceso libre por toda a finca con distintas estacións do medo”, adiantou Sanmartín, que recordou que a festa se desenvolve entre a tarde e a noite previa ao festivo de Todos Os Santos.

Os especátulos da lagoa principal terán dous pases e serán de temáticas relacionadas co Samaín. Ademais, a zona do PequeSamaín, que volverá ubicarse no Auditorio, contará coa decoración de espantallos, realizados en colaboración coas persoas usuarias dos centros de día de Marín. Con moitas actividades, “animamos aos peques que sigan esta temática nos seus disfraces”.

“Tamén animamos aos comercios e ás comunidades de veciños do entorno a que se sumen á decoración deste día, no que transformamos Briz nun auténtico parque do terror”, engade a concelleira.

A concelleira cifra en 50.000 euros a inversión que o Concello fai na festa, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, ás actuacións e espectáculos e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.

Ao longo dos próximos días, iranse desvelando máis detalles da programación.

Anterior O Goberno local levará a Pleno a amortización de case 2,9 millóns de euros en préstamos

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados