Do Campo a Marín en 11 minutos en autobús: unha viaxe na liña de transporte ampliada para unir o rural co centro
Do Campo a Marín en 11 minutos en autobús unha viaxe na liña de transporte ampliada para unir o rural co centro

Do Campo a Marín en 11 minutos en autobús: unha viaxe na liña de transporte ampliada para unir o rural co centro

A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro Pablo Novas acompañaron á Asociación de Veciños do Campo no día en que esta liña estrea as novas paradas solicitadas á Xunta pola asociación, en Ameal e Ruanova.

Marín, 02 decembro 2025

Once minutos, cunha frecuencia diaria e, agora, con dúas paradas máis. Así é a liña de transporte público que conecta Ruanova (O Campo) co centro de Marín, ampliada desde o luns e na que se montaron a alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro, Pablo Novas, acompañando á veciñanza da parroquia.

Esa liña, que sae ás 10.00h e volve ás 13.00h, xa tiña paradas no aparcadoiro do Campo, en Castro, na Porteliña, en Moreira e en Cidrás. Coa ampliación, conseguíronse paradas en Ameal e en Ruanova, beneficiando á veciñanza de toda a parroquia do Campo, que antes víase obrigada a baixar ata o aparcadoiro disuasorio fronte ao cemiterio para poder coller un autobús que os levara ata Marín.

“Hai un algo máis dun ano, desde o Concello pedimos que se crease esta liña para fomentar o uso do transporte público e seguir mellorando a vertebración das parroquias do rural co centro urbano”, explicou a alcaldesa, que puido falar ao longo da viaxe cos veciños e veciñas que son usuarias deste servizo “e que en moitos casos son persoas xubiladas, que non teñen vehículo propio ou non conduce e que acode ao centro a facer recados, xestións, compras, vida social…”.

A ampliación da mesma foi solicitada á Xunta de Galicia por parte da Asociación de Veciños do Campo e agora compleméntase coa liña que vai por Allariz, que sae ás 09.30 e volve ás 12.00 (12.30 en verán) e e que ten unha duración de 21 minutos. Neste caso, reestructurouse o traxecto para poder cubrir os núcleos de A Torre e Cernello e desde aí, conectarse con Iglesario, Allariz, Miñán, Troncosa, Silvestre, Cadrelo, Pazo Cadro, Pardavila, Pardavila Canteira, Vista Alegre e Coirados, ata chegar ao centro de Marín.

“Con estas dúas liñas, cúbrese practicamente toda a zona interior do municipio cun servizo diario de transporte público, tal e como xa contaba a zona do litoral, a través da liña que vén desde Cangas, tratando así de favorecer estes desprazamentos e de dotar á veciñanza do rural de servizos esenciais que lles faciliten a vida”, rematou a rexedora.

Anterior O Auditorio mostra toda a súa fisionomía e estará operativo no primeiro trimestre de 2026

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados