A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o inicio do expediente de contratación desta actuación, que contará cun investimento de preto de 100.000 euros financiado coa subvención do Plan Extraordinario Vía Depo.
Marín, 05 novembro 2026
O Concello de Marín avanza na mellora da súa rede viaria cun proxecto que permitirá reparar case 5.000 metros cadrados de firme en 15 vías e espazos do casco urbano e das parroquias do rural. A intervención centrarase na reparación de fochancas e de zonas deterioradas, especialmente tras o pasado inverno, para garantir o bo estado das infraestruturas e reforzar a seguridade viaria.
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o inicio do expediente de contratación, unha vez preparado o proxecto. Este paso permitirá redactar os pregos que rexerán a licitación e avanzar na posterior adxudicación e execución das obras.
O investimento previsto ascende a preto de 100.000 euros, con cargo á subvención concedida a través do Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra.
Reparacións no casco urbano e nas parroquias
O proxecto abrangue unha superficie total de 4.841 metros cadrados, distribuídos nas seguintes localizacións:
- Centro da barriada da Cañota: 54 m².
- Rúa Méndez Núñez: 340 m².
- Praza do Regueiro: 32 m².
- Rúa Sagrada Familia: 210 m².
- Rúa Estivada: 82 m².
- Rúa Pitanxo: 84 m².
- Camiño dos Sapos: 53 m².
- Contorna do cemiterio municipal da Raña: 426 m².
- Acceso ao polideportivo da Raña: 1.006 m².
- Camiño do Peso: 284 m².
- Camiño en Pardavila: 81 m².
- Acceso á Casa de Cultura de Mogor: 476 m².
- Camiño en Cernello: 91 m².
- Camiño en Vilaseca: 322 m².
- Camiño nas Gaibas: 1.200 m².
As actuacións de maior superficie concentraranse no camiño das Gaibas e no acceso ao polideportivo da Raña. Tamén se intervirá en accesos a equipamentos públicos, rúas residenciais e camiños das parroquias, atendendo ás necesidades de conservación destes espazos.
Con esta batería de reparacións, o Concello busca corrixir os danos do pavimento e mellorar as condicións de circulación, dando continuidade ao mantemento da rede viaria municipal tanto no centro urbano como no rural.