O 27 de novembro abrirán a pista e a zona de ocio xuvenil do Parque Eguren, o Mercadiño de Nadal na Alameda e o Carrusel de Nadal de Estrela de Marín, dando inicio a unhas festas cheas de sorpresas.
Marín, 07 novembro 2026
Marín prepárase para vivir unhas festas de Nadal irrepetibles, cunha programación que está practicamente ultimada e que chegará cargada de sorpresas e novidades. O Concello avanza unha das máis destacadas: a instalación dunha gran pista de xeo natural, unha proposta que chega por primeira vez á vila e que abrirá as súas portas o 27 de novembro no Parque Eguren.
A pista estará situada nunha carpa e permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro, converténdose nun dos puntos de encontro e diversión destas festas. O espazo completarase cunha zona de ocio xuvenil con xogos recreativos gratuítos, ampliando as alternativas para compartir o tempo de lecer durante o Nadal.
A apertura celebrarase cunha chocolatada popular, coa que se dará a benvida a esta nova proposta da programación municipal.
A Alameda tamén estrea ambiente de Nadal
O 27 de novembro abrirá tamén o Mercadiño de Nadal na Alameda, onde as casiñas de madeira se encherán de decoración, agasallos e repostería típica destas festas. Un espazo para pasear, atopar un detalle especial e gozar dos sabores do Nadal.
Ese mesmo día porase en marcha o Carrusel de Nadal de Estrela de Marín, sumando outro atractivo para o público familiar e contribuíndo a encher de ambiente o centro da vila.
Horarios da pista de xeo
Desde o 27 de novembro ata o 18 de decembro, a pista de xeo abrirá de luns a xoves de 17.00 a 22.00 horas, reservándose as mañás para reservas de grupos. Os venres, sábados e domingos, o horario será de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 23.00 horas.
A partir do 19 de decembro e ata o 6 de xaneiro, a instalación funcionará todos os días de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 23.00 horas, con excepcións nas datas sinaladas:
- O 24 e o 31 de decembro, pechará ás 20.00 horas.
- O 25 de decembro, o 1 e o 6 de xaneiro, abrirá unicamente pola tarde, de 16.30 a 23.00 horas.
Entradas individuais e tarifas para grupos
O prezo para gozar dunha hora na pista será de 6 euros por persoa, coa posibilidade de adquirir luvas por 1,50 euros adicionais.
Tamén se ofrecerán tarifas especiais para os grupos que acudan polas mañás con reserva previa: os de entre 5 e 14 persoas terán un prezo de 5 euros por participante, mentres que para os de máis de 15 persoas será de 4 euros por participante.
A pista de xeo, o mercadiño e o carrusel serán algúns dos grandes atractivos dun Nadal Marín que ultima os seus preparativos. O Concello dará a coñecer proximamente o conxunto da programación, con propostas para distintas idades e novas sorpresas para encher a vila de ambiente e ilusión durante as festas, así como a imaxe oficial da campaña, que de novo apostará pola ilustración.