Participantes formación

Marín dá a benvida a 31 participantes de Italia, Romanía e Portugal que completarán aquí a súa formación

A alcaldesa, María Ramallo, recibiu os tres grupos, que realizarán estadías de entre 15 días e mes e medio en ámbitos como a sanidade, o fútbol e a informática.

Marín, 17 novembro 2026

Marín será durante as próximas semanas o punto de encontro de 31 persoas procedentes de Italia, Romanía e Portugal que veñen ampliar a súa formación. A alcaldesa, María Ramallo, deulles a benvida xunto co promotor desta iniciativa, Xosé Manuel Portela, nunha recepción na que destacou que é unha honra acollelas e que a estadía será unha oportunidade para aprender uns dos outros.

Dos laboratorios aos campos de fútbol e ás empresas de Marín

O grupo procedente de Italia reúne participantes dos ámbitos da biotecnoloxía, a biomedicina e a ortodoncia. Durante a súa estadía, completarán a súa formación en centros de ensino sanitario e laboratorios de Pontevedra. Ramallo destacou a oportunidade de coñecer de preto o tecido sanitario da provincia, que cualificou de innovador.

Desde Brașov, en Romanía, chega un grupo de adestradores de fútbol cuxo equipo colabora co Celta de Vigo na formación de talento novo. Durante a súa estadía traballarán con equipos locais de Marín. A alcaldesa salientou o valor deste intercambio para os clubs e para os nenos e nenas que practican fútbol, e lembrou que o Concello promove o coñecemento e a práctica de máis de 20 disciplinas deportivas a través das Escolas Deportivas Municipais.

Completan o grupo dúas persoas de Braga, Portugal, do ámbito da informática, que están a realizar prácticas en dúas empresas de Marín.

Unha vila aberta ao intercambio

Na recepción, Ramallo animou ás persoas participantes a aproveitar a estadía para coñecer a vila, o seu dinamismo e a súa relación co mar. Destacou que o porto, principal motor económico de Marín, mantén relacións con numerosos países e é un exemplo do carácter aberto e acolledor do municipio.

A alcaldesa desexoulles animounos a falar de Marín alá onde vaian, levando consigo o aprendido nas empresas, nos centros formativos e nos clubs cos que compartirán estas semanas.

All posts