Será o martes, 22 de decembro, e as entradas estarán á venda a partir de hoxe ás 20.00 horas, accedendo ao enlace a través de auditorio.concellodemarin.es
Marín, 18 novembro 2026
Seis artistas. Cinco universos e n espectáculo irrepetible. O Nadal Marín suma unha nova cita á súa programación: a gala do X Galicia Magic Fest, que chegará ao Auditorio de Marín o martes 22 de decembro, ás 20.00 horas.
A alcaldesa, María Ramallo; a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, e o mago Pedro Volta, promotor do festival a través de Abraiante Producións, presentaron esta mañá no propio Auditorio o espectáculo. A venda de entradas abrirase a partir das 20.00 horas con enlace directo a través de auditorio.concellodemarin.es
Unha década de ilusionismo, con parada en Marín
A gala forma parte da xira coa que o Galicia Magic Fest celebra o seu décimo aniversario. Dirixido polo ilusionista galego Pedro Volta, o certame leva unha década achegando a maxia escénica ao público galego e, segundo a organización, superou os 100.000 espectadores ao longo da súa traxectoria. Marín incorpórase ao percorrido desta edición, que levará 19 funcións a 13 localidades galegas.
A xira de aniversario reúne artistas internacionais e distintas maneiras de entender a maxia: ilusionismo de preto, cambios de vestiario en cuestión de segundos, malabares e humor. Entre os nomes anunciados para a xira están:
- Eric Chien, gañador do Gran Premio Mundial FISM
- Victor Moiseev, creador dunha técnica de malabares horizontais e artista do Cirque du Soleil
- Sos & Victoria, especialistas en cambios rápidos de vestiario
- Topas, que combina ilusionismo e comedia.
- O propio Pedro Volta, que exerce como director artístico e mestre de cerimonias da gala.
A décima edición conta co patrocinio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2027 e incorpora os galardóns Os Bordóns Dourados, cos que o festival recoñecerá o talento do seu elenco.
A función do 22 de decembro será unha das novidades da programación do Nadal Marín. A información da gala pode consultarse na web do Auditorio de Marín.