A alcaldesa, María Ramallo, a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, e a ilustradora Aida Alonso presentaron na Alameda a imaxe dunha campaña que celebra os reencontros e a ilusión compartida. O acendido do Nadal será o venres 4 de decembro.
Marín, 20 novembro 2026
Unha comida compartida, unha viaxeira que regresa á casa, un pai e un fillo camiño da festa e ventás acendidas que deixan entrever a vida dos fogares. Estas escenas dan forma a «O fogar dos soños», a campaña coa que o Concello de Marín convida a vivir un Nadal no que o cariño, os reencontros, a maxia e a ilusión volverán tomar as rúas e prazas da vila.
A alcaldesa, María Ramallo; a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, e a ilustradora Aida Alonso, encargada da creación da imaxe, presentaron a proposta esta mañá na Alameda. Este espazo será un dos escenarios centrais das festas, cunha programación que terá entre as súas primeiras citas a apertura da pista de xeo natural do Parque Eguren, o 27 de novembro, e o acendido do alumeado e da decoración de Nadal, o venres 4 de decembro.
Unha vila de papel na que cada ventá conta unha historia
Aida Alonso partiu dunha idea moi ligada á experiencia do Nadal: o reencontro coa familia e coas amizades. «Tiña a idea de crear escenas de fogar, facendo casiñas que foran case como adornos», explicou a ilustradora: un Marín no que suceden pequenas historias dentro dos fogares, visibles a través das ventás.
Sobre as casas aparece unha estrela polar e uns barquiños que navegan polo ceo, convertido tamén nun mar. Unha referencia á identidade mariñeira de Marín, incorporada a unha escena nocturna na que a luz das ventás transmite acollida e calidez.
«Eu debuxo con tesoiras»
A imaxe nace dun proceso artesanal de papel recortado e montaxes tridimensionais. «Eu debuxo con tesoiras», resume Aida Alonso, que elaborou tamén con acuarela os papeis das casas, con degradados violetas e azuis.
Os recortes, as texturas e as sombras dan volume e profundidade á composición. A estrela polar está realizada mediante origami, cun papel de seda con fibras, mentres que o fondo incorpora un acabado rasgado que fai visible o traballo co papel.
A elección cromática afástase das cores máis habituais do Nadal para ofrecer unha proposta renovadora, mantendo a sensación de abrigo a través das ventás iluminadas.
Ademais, as casas lembran pequenos paquetes de agasallo, que a artista relaciona co fogar. «O lema do Concello, “O fogar dos soños”, é moi acertado e oxalá se fagan realidade», sinalou a ilustradora.
Ademais, Alonso quixo poñer en valor “a aposta que está facendo o Concello pola ilustración, nun momento tan difícil polo impacto da intelixencia artificial, e que creo que é algo moi bo a destacar e un bo exemplo”.
O 4 de decembro, unha tarde para dar a benvida ao Nadal
A Alameda protagonizará o venres 4 de decembro unha tarde de celebración que comezará ás 18.00 horas coa chegada do Tren de Nadal. Ás 18.30 horas terá lugar o acendido do alumeado e da decoración da Alameda, ao que seguirá unha chocolatada popular.
O Tren de Nadal funcionará do 4 ao 8, do 11 ao 13 de decembro e do 18 de decembro ao 4 de xaneiro, en horario de 11.45 a 13.30 e de 17.15 a 21.00 horas.
A xornada completarase ás 20.30 horas no Auditorio de Marín co espectáculo «Benquerer», de Fran Sieira e Caamaño&Ameixeiras.
Antes, o 27 de novembro, abrirá a pista de xeo natural que xa se está a instalar no Parque Eguren, unha das grandes novidades destas festas. Con estas primeiras citas, Marín comezará a encher de vida o seu particular «fogar dos soños», cunha invitación a saír, compartir e reencontrarse.
O programa completo publicarase a próxima semana
Pola súa parte, a alcaldesa informou de que a próxima semana “teremos dispoñible todo o programa das festas, que se poderá consultar a través dos programiñas de Nadal que buzonearemos en todo Marín e que tamén estarán no Concello, a Biblioteca, o Museo, a Prazas, comercios, locais, hostalaría… por todas partes!