Celebrarase este sábado 27 de setembro a partir das 18.00 horas e leva de momento máis de 400 deportistas inscritos. O evento, presentado esta mañá na Alameda, xa é unha cita ineludible do calendario atlético galego.
Marín, 24 setembro 2025
O San Miguel non se entende sen a Milla Urbana, un dos eventos deportivos máis lucidos dos que se celebran na nosa vila, que enche a Avenida de Ourense e a Praza de España do mellor atletismo galego.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador da carreira, Víctor Riobó, presentaron esta mañá o evento, xunto co presidente do club San Miguel, Carlos de la Torre e Consuelo Aboal.
Polo momento, tal e como trasladou Riobó, xa hai inscritos máis de 400 corredores, unha cifra que aumentará coas inscricións de última hora e in situ na propia carreira.
A partir das 18.00 horas dará inicio a carreira cos participantes de Sub16, Sub14, Sub12 e Sub10, para despois dar paso aos máis pequenos. A partir de entón, correrán os da Milla Absoluta e a Milla de Élite.
Foodtruck Galicia Sabe AMar
Ademais, a Xunta de Galicia instalará a foodtruck de Galicia Sabe Amar, na que as persoas que queiran poderán degustar gratis petiscos realizados a base de produtos certificados do mar e da terra, 100% galegos. Estará entre as 16.00 e as 21.00 horas.