O Concello de Marín está levando a cabo nos últimos meses unha serie de actuacións de acondicionamento e humanización das principais rúas e espazos públicos do municipio, tanto no centro urbano como no rural. O obxectivo é o de mellorar as condicións de uso destas áreas, permitindo que os seus usuarios, os peóns, poidan gozar máis comodamente deles.
Dentro desta liña, entra a nova actuación que o Concello presentou onte para a rúa Ezequiel Massoni, na que se mellorará o aspecto e a terminación das beirarrúas. O actual deseño das esquinas deste viario, que conta con moitas rúas adxacentes, facilita o estacionamento indebido por parte dos vehículos, xa que os bordos están rebaixados ao nivel da calzada.
Co fin de evitar estas situacións e mellorar o aspecto xeral da rúa, aportándolle un toque de cor, instalaranse unhas xardineiras lixeiramente elevadas con respecto ao pavimento, construídas en pedra granítica.
Segundo informou onte o Goberno municipal, as plantas contarán cunha rede de rego conectada á rede de abastecemento municipal e, no caso daquelas esquinas que conten cun espazo maior, engadirase á xardineira un banco, facilitando así o descanso e o encontro dos veciños que son usuarios desta rúa tan céntrica da vila.
De maneira pormenorizada, estas son as esquinas nas que está previsto colocar o novo mobiliario:
Esquina coa Travesía Jaime Janer, na marxe dereita
Esquina coa Barriada Salvador Moreno, na marxe dereita
Esquina que entronca cunha travesía que carece de nome, fronte á Barriada Salvador Moreno, na marxe esquerda
Esquina ca Rúa Souto, na marxe dereita
Encontro ca rúa Recamán, en ambas marxes
O presuposto global desta actuación ascende a 53.592,04 euros.