A concelleira de Igualdade e Benestar Social, Marián Sanmartín, acompañada do persoal do CIM, presentou esta mañá a viñeta que ilustrará o Día Internacional da Muller na vila de Marín. Realizada un ano máis polo ilustrador Luís Davila, a viñeta pon en valor o traballo das mulleres coidadoras en todos os ámbitos, colectivo ao que este ano se lle adica o #8M en Marín.
Como xa é tradicional, o Concello repartirá tazas con esta viñeta o xoves, día 5 de marzo, no Mercado Municipal, polas rúas adxacentes. No caso de choiva, farase dentro do mercado. O obxectivo deste reparto é recordar á cidadanía a programación para o día 8 e visibilizar, a través do humor e da creatividade gráfica, a necesidade da corresponsabilidade dos coidados entre homes e mulleres.
Ese mesmo día 5, a Biblioteca Municipal acollerá ás 19.30 horas a proxección do filme “Concepción Arenal, a visitadora de cárceres”, co gallo do 200 aniversario do nacemento desta figura imprescindible do feminismo. Esta actividade realízase ca colaboración da Xunta de Galicia e terá entrada de balde.
Xa o mesmo día 8M, serán varias as actividades incluídas dentro da programación. Por unha banda, a primeira hora da mañá sairá a andaina de 15 quilómetros solidaria en favor da AECC, que rematará ás 12.00 horas na Alameda.
Unha hora máis tarde, a partir das 13.00 horas, será o acto institucional. Se o tempo o permite, celebrarase na Praza 8 de Marzo, senón moverase ao Salón de Plenos do Concello. Neste acto, lerase a declaración institucional e intervirán diferentes mulleres para aportar a súa testemuña como coidadoras. Finalmente, a partir do mediodía tamén se poderá degustar o Bolo do Pote na Alameda, unha tradición gastronómica mantida no tempo polas mulleres de Marín.
“Mans coidadoras”
Por outra banda, a entrada do Concello acollerá a exposición “Mans coidadoras”, unha mostra fotográfica ca que visibilizar a labor que realizan todas estas mulleres coidadoras, especialmente de persoas maiores.
Asimemo, os centros educativos participarán deste #8M con todo o material didáctico enviado polo CIM. A mocidade recibirá tamén un caderno conmemorativo deste día, ilustrado ca viñeta de Davila.