Adxudicada a futura humanización da Avenida de Ourense de Marín

Adxudicada a futura humanización da Avenida de Ourense de Marín

A situación actual que está a atravesar o mundo enteiro pola crise sanitaria da Covid19 paralizou parte dos proxectos que as administracións de todos os niveis estaban a tramitar antes do inicio da pandemia.

No caso de Marín, un dos expedientes que estaba percorrendo o seu camiño burocrático era a adxudicación da futura humanización da Avenida de Ourense, un dos piares fundamentais da EDUSI #Marín2020, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible integrado, cofinanciada cos fondos europeos do FEDER.

Ante esta situación e coas posibilidades telemáticas existentes, a Mesa de Contratación considerou necesario seguir coa tramitación deste expediente, garantido así a execución futura deste proxecto. “Agora máis ca nunca temos que promover a contratación pública que tiñamos pendente, axudando ás empresas nun momento moi complexo, no que teremos que remar xuntos para paliar na medida do posible o impacto económico que terá a terrible pandemia que estamos a padecer”, afirmou a alcaldesa da vila, María Ramallo.

Así, a Mesa de Contratación celebrou esta semana a súa sesión telemática, a través da plataforma de teleconferencia do Estado “Reúnete” e da Plataforma de Contratos do Estado, para adxudicar os dous lotes que compoñen os pregos de contratación desta obra de humanización, que mellorará a mobilidade e o aspecto urbano da principal arteria viaria de Marín.

No que respecta ao lote 1, correspondente á renovación de toda a iluminación do viario, que pasará a cumprir con todos os estándares de eficiencia enerxética; resultou adxudicataria a empresa “Construcciones Obras e Viais SA (COVSA)”, cun orzamento de licitación de 266.380,68 euros (máis IVE). O lote 2, adicado á propia reurbanización da avenida, será executado pola empresa Obras, Reformas y Saneamientos SL, por un importe de 792.889,78 euros (máis IVE).

O prazo de execución desta obra será de 12 meses, a contar desde a comprobación do reprantexo, e terá un prazo de garantía de 6 anos.

Anterior Retomados os traballos da segunda fase da humanización de Concepción Arenal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados