10 xullo 2021
O Pleno da Corporación aprobou o pasado xoves de xeito definitivo o estudo detalle do Auditorio de Marín. Este documento é un paso esencial no camiño burocrático deste proxecto e serve para determinar as condicións ás que ten que axustarse a futura edificación, determinando as características técnicas de volume, aliñacións…
Ramallo explicou que “este trámite supón un paso máis de cara a conseguir a licitación das obras, de tal xeito que o noso Auditorio xa é unha realidade, a falta simplemente de que rematemos os últimos chanzos da tramitación que nos faltan”.
O proxecto do futuro Auditorio de Marín xa conta con todos os informes técnicos precisos para a obra. Por unha banda, o informe favorable do Ministerio de Fomento, dado que a zona está afectada pola estrada PO-11, de titularidade estatal. Por outra, o informe do Ministerio de Defensa, por ser un espazo incluido na zona de seguridade da Escola Naval Militar, e, finalmente, o informe favorable da arquitecta municipal.
A construción do Auditorio é unha das obras máis importantes do Marín Dusi, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible para a que a vila de Marín conseguiu a cofinanciación dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. A humanización da Avenida de Ourense e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco son os outros dous grandes proxectos desta estratexia.
Neste estudo, recóllense algunhas características técnicas importantes, como a necesidade de manter a continuidade visual coa Alameda de Marín, a unificación dos elementos de sinalización, rótulos, mobiliario… e a adaptación do cerramento portuario para mellorar a súa integración paisaxística.