As rúas de Marín comezan a decorarse para recibir o Nadal

As rúas de Marín comezan a decorarse para recibir o Nadal

O espírito de Nadal comeza a inundar pouquiño a pouco as rúas de Marín. Segundo indicou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, esta semana comezaron a colocarse os elementos decorativos que se espallarán por distintos puntos do casco urbano e do rural e que encherán de ambiente de Nadal os meses de decembro e xaneiro.

En total, utilizaranse 120 metros cadrados de céspede e 10 toneladas de area, 20 pequenas árbores de Nadal, 100 prantiñas e 30 alpacas de palla, así como bonecos decorativos, que se colocarán na torre do reloxo da Igrexa Vella, na Praza da Capirota, na Alameda, no Palco da Música e no Parque Eguren.

Neste último espazo, haberá un Belén que substituirá ao tradicional Belén vivinte que se poñía todos os anos. Na entrada de Seixo, ademais, haberá máis decoración cun buzón real.

Está previsto que todas estas estacións decorativas estean listas para o día 4. Ademais, tamén se está a traballar xa na instalación do alumeado de Nadal, que se pretende ter acendido na súa totalidade o día 9 de decembro.

Sanmartín tamén adiantou que se está traballando para poder artellar algunha recepción de Papá Noel e dos Reis Magos, de xeito separado e cumprindo con todas as medidas sanitarias vixentes.

 

Segue aberta a inscrición ao I Concurso de Decoración de Nadal

Por outra banda, segue aberto ata o día 11 de decembro o prazo para inscribirse ao I Concurso de Decoración de Nadal do Concello de Marín, con diversas categorías e premios para os gañadores.

O obxectivo é fomentar a participación cidadá no embelecemento e ornamentación da vila, facendo cómplices a comerciantes, hostalería e veciñanza da imaxe navideña de Marín.

Mediante este concurso preténdese promover a creatividade durante o Nadal na nosa vila, potenciando o ambiente nesta época do ano, especialmente neste momento tan duro que estamos a atravesar e no que precisamos sentir esperanza e ilusión polo futuro.

 

Poderán participar no concurso vivendas unifamiliares, comunidades de propietarios de edificios, hostalería, comercios e/ou negocios que estean ubicados no termo municipal de Marín.

 

Para poder participar será necesario presentar a solicitude que se indica no Anexo I, que está dispoñible, co resto das bases, na páxina web do Concello. A decoración deberá estar exposta dende o 11 de decembro de 2020 ata o día 7 de xaneiro de 2021.

 

Os adornos teñen que ser típicos de Nadal e a zona elexida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública.

 

Categorías do concurso

 

Establécense tres categorías:

1ª.- COMERCIO

Valorarase en conxunto o mellor escaparate e interior dos establecementos que participen, que deben estar ubicados no termo municipal de Marín. Os obxectos de venda que se atopen nos escaparates poderán ser cambiados durante este periodo, sempre que non se modifique a decoración do escaparate.

 

2ª.- HOSTALERÍA

Neste caso, valorarase en conxunto a mellor entrada e interior do establecemento participante, así como os ventanais.

 

3ª.- VIVENDAS

Dentro desta categoría, poderase participar en tres modalidades:

  • Comunidade de veciños dun edificio: Poderán participar todas as comunidades de veciños de Marín que decoren as entradas principais dos seus edificios e que esas decoracións sexan totalmente visibles dende a vía pública.
  • Ventás e/ou balcóns dun edificio: Poderá participar toda a veciñanza de Marín que resida nun edificio de Marín e que decoren as súas ventás e/ou balcóns de modo que esta decoración sexa totalmente visible dende a vía pública.
  • Vivendas unifamiliares: Poderán participar os residentes en calquera vivenda unifamiliar ubicadas en Marín que decoren as súas vivendas e/ou xardíns de modo que esta decoración sexa totalmente visibles dende a vía pública.

No caso de que nestas datas as restricións sanitarias volvan afectar ao peche da hostalaría ou de comercios, estas categorías posporanse para facer un concurso noutras datas. Nese contexto, manteríase soamente o concurso nas categoría de “Vivendas”.

 

Inscricións

Os interesados en participar no concurso de decoración poderán inscribirs gratuitamente ata o día 11 decembro de 2020, utilizando unha solicitude de participación onde se

indicarán os seguintes datos:

  1. Nome e número/s da rúa onde se ubica o establecemento, edificio, casa ou local a decorar con todos os datos necesarios para a súa localización.
  2. Nome da persoa que ostente a representatividade do mesmo.
  3. DNI da persoa representante.
  4. Dirección de correo electrónico.

 

Esta solicitude de inscrición poderá preferentemente descargarse na páxina web do Concello ou, senón, poderá obterse nas dependencias do Rexistro do edificio consistorial.

 

Unha vez cumprimentada a solicitude, debe presentarse a través da sede electrónica. Existe a posibilidade de facelo de xeito presencial, pero o Concello reitera a opción telemática debido á situación sanitaria. En todo caso, de facelo por vía presencial, é obrigado solicitar cita previa a través da sede electrónica ou chamando ao número de teléfono 986 880 300.

 

Aquí pode atoparse o anexo: http://www.concellodemarin.es/wp-content/uploads/2020/11/basesconcursonadal2020.pdf

 

 

 

Anterior O recén restaurado cadro pintado por Torres durante a pandemia de 1918 xa se pode ver no Museo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados