Entroido

Entroido

A Festa do Entroido de Marín é unha das datas máis relevantes do primeiro trimestre do ano. A troula e o enxeño son ingredientes típicos destes días, que teñen actividades por todo o longo do municipio.

Parte da alma do Entroido son as comparsas marinenses: Os da Caña e Os Paparrulos.

No caso da primeira, naceu en San Xulián, onde ensaiaban na casa de María, do Carballal, e comezaban cantar coplas populares. Ata hoxe, que levan máis de 30 anos en activo participando no Gran Desfile de Entroido. Actualmente, está composta por cen membros.

Os Paparrulos naceu no seo da Asociación Cultural Trompos Ós Pés, hai 32 anos. Son en torno a 70 persoas participando e iniciaron a súa andaina ensaiando na Lonxa Vella.

Un dos aspectos que máis tempo lles custa a ambas comparsas é a creación dos traxes, que levan un enorme traballo de confección.

Ademais destas comparsas actuais, Marín contou con outras que estiveron en activo moitos anos e foron as grandes protagonistas dos Entroidos de antes, como é o caso do Xarangallo Mangallo, do 1963, ou Los Pulpeiros, de 1953.

No Entroido de Marín tamén ten moita importancia a música, por iso as batucadas son unha compoñente fundamental dos desfiles e da animación. Maracumbé Bloco é unha delas, cuxo nome tómase prestado dun ritmo que se utiliza en Brasil ao rematar algún tipo de celebración relixiosa, para poñer banda sonora á parte álxida da festa.

A Batucada Os da Caña fundouse en 2014 e son un grupo de entre 10 e 12 músicos que, ademais, son os organizadores do Festival Ruxe Marín na Finca de Briz, que congrega a distintas formacións.

Outra das tradicións típicas do Entroido de Marín é a Festa do Merengue, que organiza a Asociación de Amigos dos Rapaces, que quixeron impulsar unha festa infantil na Lameiriña, na que actualmente se reparten 2.500 merengues montados nunha mesa de 7,5 metros de largo.

Outro clásico do Martes de Entroido en Marín é o Concurso de Orellas e Filloas que convoca todos os anos o Ateneo Santa Cecilia. E é que a gastronomía, tanto os doces coma o Cocido, son parte esencial do Entroido.

Pero a tradición máis importante do Entroido de Marín, que se celebra o Mércores de Entroido, é o Enterro da Sardiña de Marín, organizado polo Ateneo Santa Cecilia e en proceso de ser declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Esta tradición comeza celebrarse en 1976, ao finalizar a ditadura. Trátase dunha parodia dun enterro e dunha procesión e no caso de Marín, en vez de queimar a sardiña (que é de verdade), lévase ata o mar, despois de ler o tradicional Sermón do Enterro na Praza do Reloxo, cunha alta carga crítica e satírica.

Finalmente, está a Ladaíña da Sardiña, onde se fai unha mención a todo tipo de peixes e mariscos da nosa ría e entorno natural.

Ademais do centro urbano, o rural de Marín tamén ten a súa propia tradición entroidera, como é a da Burra Chirica, protagonista do Entroido Bascalleiro de Seixo, que mantén vivo a Asociación Cultural Ronsel.

A Burra é unha metáfora de todo o traballo que facían as mulleres e homes do campo. Dáselle un paseo por toda a parroquia e a xente vai de comitiva detrás, con disfraces típicos do Entroido galego, seguindo a tradición bascalleira, que se basea en montar o disfraz con cousas que hai pola casa.

O Entroido de Marín remata sempre coa celebración da Festa do Bolo do Pote, a cargo da Asociación Pousos da Area, un típico plato da Galicia tradicional que se fai con verdura, polo, unto… para crear o caldo, e despois fanse os bolos de pan con fariña de centeo, que se cocen dentro do caldo.

WEBS ASOCIADAS

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados