Festas da Virxe do Porto
Haga click para desplegar
No ano 112, o cabaleiro Don Diego Arias doa ao Mosteiro de Oseira o seu patrimonio, co que fora obsequiado pola Raíña Dona Urraca, que era a vila e coto de Marín.
A presenza dos monxes de Oseira en Marín trae consigo a creación do Priorato, con facultades para administrar a vila de Marín e sacramentos á poboación, que na súa maioría estaba cristianizada.
Para isto, créase unha feligresía propia, a feligresía de Santa María do Porto, e dótanna cunha igrexa, que se constrúe sobre unha ermida da Nosa Señora da Guía. Esta é a que da orixe á parroquia de Marín e que hoxe coñecemos como Templo Vello.
Co paso dos anos, esta igrexa sofre reformas que os monxes van facendo. No ano 1835, coa Desamortización de Mendizábal, a igrexa pasa a mans do Arzobispado de Santiago de Compostela. Os monxes teñen que abandonar Marín, deixar os seus bens ao Estado e a igrexa pasa a ser administrada por Santiago, que a une á parroquia de San Xulián de Marín de arriba, á que pertencía a nosa vila antes da presenza de Oseira.
Desde esta parroquia non tiñan capacidade abondo para cubrir a cantidade de oficios relixiosos que se solicitaban en Marín, polo que o Arzobispado autoriza a que cada parroquia funcione de xeito separado. Aí non era oficialmente Marín declarada como parroquia.
Isto ocorre no 1929, cando o Arzobispado, á vista desta situación, declara como parroquia oficial a Marín baixo a advocación de Santa María do Porto e comeza funcionar como tal en xaneiro de 1930. O que nos explica isto é que o nome da parroquia de Marín non ten tanta antigüidade. Falamos de apenas 90 anos atrás.
A súa festividade, por tanto, é o 8 de setembro, festa da Natividade da Virxe María, pola razón de que xa os monxes de Oseira, que teñen como advocación á Virxe, xa lle deran o nome cando crearon a súa propia feligresía.
A construción do Templo Novo, actual igrexa en activo da parroquia de Santa María do Porto, xorde a raíz dun sacerdote que estivo en Marín entre o 1941 e o 1968 que ideou o templo no que os marinenses puidesen estar ao servizo da súa feligresía.
O sacerdote chamábase José Saez Pichel e era natural de Noia, considerou naquel momento que debido ao incremento da poboación e ao resplandor do sector pesqueiro, o Templo Vello quedaba moi pequeno.
O templo finalmente inaugurouse o 25 de marzo de 1956, un Domingo de Ramos chuvioso. A imaxe de Santa María do Porto é que o preside e foi costeada polas xentes do mar. Concretamente, aportaron para a súa construción os armadores marinenses Juan Iglesias e Vicente Iglesias.
Antes de ser a Virxe do Porto, a patroa de Marín fora a Virxe do Rosario e moito antes, no século XII, a Santa María do Priorato, como comentamos antes co Priorato de Oseira.