Dezasete empresas optan á execución das obras de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo

Dezasete empresas optan á execución das obras de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo

O Concello de Marín acolleu esta mañá a celebración da mesa de contratación das obras de humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo, un importante proxecto de mellora urbana que o Goberno local ten proxectado para a parroquia marinense, renovando esta infraestrutura urbana, que se atopa en moi mal estado na actualidade.

Segundo explicaron fontes municipais, á oferta de contratación presentáronse 17 empresas, cuxas propostas serán avaliadas agora polos técnicos municipais, que establecerán as puntuacións pertinentes para abrir despois a proposta económica.

O proxecto de humanización afectará ao tramo comprendido entre a rúa Doctor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada O Grupo Escolar de Seixo, de tal maneira que esta mellora da contorna suporá unha continuidade da actuación que xa se realizou desde este cruce até a estrada provincial EP-1202.

As razóns para acometer esta obra son evidentes. Por unha banda, o actual deseño da rúa provoca conflitos cando dous vehículos se cruzan e hai outros estacionados, xa que a amplitude do viario non permite o paso simultáneo de ambos coches.
O problema é similar no caso das beirarrúas, cuxa anchura actual, de entre 1.60 e 1.68 metros, non é dabondo para a comodidade dos peóns. Ademais, o deterioro do pavimento supón incluso un perigo polas posibles caídas e tropezos, polo que é inminente a súa reparación.

Por outra banda, os servizos de abastecemento atópanse en “moi mal estado de conservación”, xerando incluso problemas á veciñanza polas roturas e avarías que se xeran consecuencia desta situación.

Así, con esta actuación preténdense corrixir estas medidas, aumentando as beirrarúas ata uns 2.50 metros (dependendo nalgúns puntos das fachadas dos edificios anexos). No que respecta á calzada, quedará un carril de 3.50 metros de amplitude, de único sentido desde a Rúa Doutor Ulloa ata o Mercado.

Para o estacionamento, deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario un espazo de máis de 2 metros. Asemade, eliminarase a illa existente no inicio do tramo, fronte á Igrexa Evanxélica, para poder ampliar nese punto tamén as beirarrúas, incorporando un paso de peóns.

O proxecto terá un prazo de execución de catro meses, a contar desde o momento que se adxudiquen os traballos.

O presuposto global da actuación ascende a 499.748,55 euros. O Concello ten pensado solicitar á Deputación de Pontevedra unha subvención para este fin, ao abeiro do Plan Concellos 2020.

Anterior O Concello tramitou xa preto de 80 de certificados dixitais

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados