Dúas empresas optan á construción do Centro Socio Cultural

03 maio 2022

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou esta mañá dos avances na licitación das obras do Centro Sociocultural da nosa vila, á que se presentaron dúas empresas.

Tal e como indicou a rexedora, a Mesa de Contratación reuníuse para abrir os sobres das dúas propostas coas condicións técnicas. Estes documentos teñen que ser agora avaliados polos servizos técnicas municipais, en base ás prescripcións que se recollen no prego de contratación.

Comprobarase, deste xeito, que en ambas ofertas se cumpren todos os condicionantes técnicos requeridos para seguir adiante co proceso de licitación, cuxo seguinte paso será a apertura das ofertas económicas das dúas empresas concorrentes.

Unha vez son abertas as ofertas, a Mesa de Contratación formula unha proposta de adxudicación, que terá que ser elevada ao Pleno da Corporación, xa que é o órgano contratante competente debido á elevada contía do contrato.

Ramallo trasladou que o proceso “está a discorrer ben e estamos confiados en poder ter un adxudicatario pronto, que nos permita iniciar as obras do centro sociocultural polo que tanto levamos traballado, pero cuxo proxecto houbo que adecuar ás condicións económicas de prezos actuais”.

O edificio cultural está prantexado na parcela da Praza de España. O deseño do interior do Auditorio está pensado para que teñan cabida todo tipo de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo que poida facer ás veces de praza maior. A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades e cun escenario de cerca de 220.

A súa execución forma parte da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies