A mostra, que cumpre 33 anos reivindicando a arte feminina, expón as obras de 17 artistas emerxentes que exploran temas de igualdade e xénero.
Marín, 27 marzo 2026
A exposición de ‘Voilm la femme’, ubicada na sede do Ateneo Santa Cecilia e o Museo Manuel Torres, poderá visitarse ata o martes, 31 de marzo, día que terá lugar unha visita guiada ás 18.00 horas para poder gozar ao 100% desta experiencia artística. A visita arrancará no Ateneo e despois irá ao Museo.
Un fito histórico e cultural
Nacida no ano 1992 no Ateneo Santa Cecilia para conmemorar o Día da Muller Traballadora, ‘Voilm la femme’ consolidouse hoxe como a exposición de mulleres artistas con maior traxectoria de toda Europa. O proxecto, que foi bautizado por Yolanda Herranz en referencia á obra de Francis Picabia, chega á súa edición número 33 baixo o comisariado de Celeste Garrido Meira e a coordinación de Abril Iglesias Garrido.
Máis espazo para o talento emerxente
Esta edición acolle as obras de 17 artistas, superando as 5 participantes do ano anterior. A mostra continúa coa súa misión de dar visibilidade a mulleres artistas, maioritariamente recén graduadas e vinculadas a Galicia, que acceden a través dunha convocatoria pública moi atendida polo alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
As creadoras que participan nesta XXXIII edición son: Jimena Arenas Costas, Susana Beatriz de Castro Teixeira, Rolina Ferru, Mencía González Fana, Sara González González, Martina Migliarini da Costa, Carlota Montes López, Laura Paz Iglesias, Xoana Penas Portabales, María Paulina Petz García, Alejandra Pardo Martínez, Alba Pino Gregores e Taro, Mariña Rey Noya, Ise Rodríguez, Aldara Rodríguez Pena e Yanina Angela Sgro.