Marín converterase esta fin de semana nun gran escenario ao aire libre coa XIV Edición do Son de Marín
Presentación XIV Edición do Son de Marín

Marín converterase esta fin de semana nun gran escenario ao aire libre coa XIV Edición do Son de Marín

A décimo cuarta edición do festival contará cun amplo programa de actuacións, pasarrúas e concertos protagonizados por artistas e agrupacións locais, ademais dunha homenaxe a John Balan e un recoñecemento á traxectoria cultural de Isabel Portosany Soto

Marín, 29 xullo 2026

O Concello de Marín presentou a programación da décimo cuarta edición do Son de Marín, unha das citas máis consolidadas da programación estival da vila, que converterá durante a fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosto as rúas e prazas do municipio nun gran escenario ao aire libre no que a música, a cultura popular e o talento local serán os grandes protagonistas.

O festival arrancará na tarde do venres, 31 de xullo, cun dos actos máis emotivos da programación: a tradicional ofrenda floral á memoria de John Balan, que terá lugar ás 12.30 horas no Cemiterio de Santo Tomé de Piñeiro, acompañado polo grupo Os de Marín.

Xa pola noite, a Alameda Rosalía de Castro acollerá ás 21.30 horas o concerto “Marín Canta“, coa actuación dos Saljariteir@s.

A programación continuará o sábado, 1 de agosto, cunha intensa actividade desde primeira hora da mañá. A partir das 11.00 horas, as rúas da vila encheranse de música cos pasarrúas simultáneos de Airiños de San Xulián, Os Chaneiros, Os de Marín, Zumby Kids e Gaiteiros de Carballido, que percorrerán distintos puntos do casco urbano achegando o ambiente festivo a todos os barrios.

Ao mesmo tempo desenvolveranse actuacións en diferentes espazos do centro da vila. A Praza 8 de Marzo acollerá a actuación das Pandereteiras Luzada, mentres que na rúa Almuíña actuarán os Cantareir@s de Marín. Na rúa Lameira será a quenda de Fentos e Frouma, acompañados da actuación de Antonio Peixoto e a súa armónica, e na Praza do Reloxo celebrarase unha nova edición de Marín In Verso, consolidando así unha programación variada que combina música tradicional, poesía e creación cultural.

Xa pola tarde-noite, ás 21.00 horas, a Alameda será escenario da tradicional Homenaxe a John Balan, presentada por Julio Santos Pena, un acto que volverá render tributo a unha das figuras máis queridas da cultura marinense.

Nesta edición, o festival realizará ademais unha mención especial a Isabel Portosany Soto, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso coa cultura no Concello de Marín.

A música continuará ás 22.00 horas en distintos escenarios da vila. A Alameda acollerá a actuación da Orquestra Cé Pantasma, mentres que en Méndez Núñez, detrás do Concello, actuarán Covers Lovers e en Ezequiel Massoni, Maehloc. No Pato Donald actuará Candela e, media hora máis tarde, o Paseo Alcalde Blanco converterase no escenario do concerto de Los Atómicos.

A fin de festa será a cargo de Son das Tabernas, na Alameda Rosalía de Castro, a partir das 23.20 horas.

Desde o Concello destacan que o Son de Marín continúa consolidándose como unha das grandes citas culturais do verán marinense, apostando pola promoción da música en directo, das agrupacións locais e da cultura popular, ao tempo que dinamiza a hostalaría, o comercio e a vida nas rúas do municipio durante toda a fin de semana.

Anterior O XXI Torneo Praia de Loira reunirá esta fin de semana a 210 participantes nunha nova edición consolidada como referente do fútbol praia

2026 Concello de Marín. Todos los derechos reservados