25 de novembro

25 de novembro

25N 2025

O 25 de novembro conmemoramos o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Calquera acto que atenta contra a dignidade, a integridade física e moral das mulleres polo mero feito de selo define este tipo de violencia. É unha manifestación da discriminación e a desigualdade de poder entre homes e mulleres. Representa un grave problema de saúde pública e unha violación dos dereitos humanos, polo que a súa erradicación é a nosa responsabilidade como sociedade.

No exercicio da violencia contra as mulleres, toma especial relevancia a crecente violencia dixital, o ciberacoso, a sextorsión e a difusión de imaxes íntimas non consentidas, da que as mulleres son as principais vítimas. Estas condutas revelan desigualdades estruturais que é preciso seguir abordando con urxencia. É prioritario establecer políticas públicas que garantan unha contorna dixital máis segura, un uso responsable das novas tecnoloxías, proporcionar apoio ás vítimas e fomentar a educación dende as familias e os centros escolares como colaboradores esenciais.

É de suma importancia que toda a cidadanía e especialmente as vítimas de violencia machista coñezan os servizos que existen para poder informarse sobre os seus dereitos e recibir un adecuado apoio e asistencia. A responsabilidade é compartida por todos os organismos que traballan para garantir unha adecuada atención, e como tal deberán adoptar as medidas necesarias para facilitar ese camiño.

A falla de recursos asistenciais en mulleres que presentan múltiples problemáticas asociadas coa violencia de xénero, como condutas aditivas, discapacidade e saúde mental, pon en risco a súa integridade e favorece a súa discriminación, polo que é necesario abordar os casos de maneira integral creando espazos de recuperación.

Os servizos que desenvolven o seu labor no ámbito da violencia machista necesitan ser dotados dun maior número de profesionais e medios para mellorar a calidade da asistencia que prestan.

Non podemos deixar de denunciar o alarmante incremento de distintos tipos de violencia amparado en discursos de odio e particularmente a violencia sexual contra as mulleres e as nenas.

É necesario formar á cidadanía en masculinidades igualitarias para lograr relacións saudables distintas ás impostas polo patriarcado.

Amosamos o noso rexeitamento ante calquera intento de manipulación que pretenda vulnerar dereitos xa adquiridos polas mulleres, como o dereito ao aborto, xa que estes son o mellor exemplo da conquista social en materia de igualdade na que debemos seguir traballando.

Para rematar coas desigualdades entre homes e mulleres necesitamos do labor conxunto no ámbito educativo, familiar, os medios de comunicación, as administracións e a sociedade.

Agora máis que nunca, consideramos imprescindible insistir na necesidade de desenvolver políticas didácticas e de sensibilización sobre o que é realmente a violencia de xénero, como se manifesta, e cales son as ferramentas para previla e combatela.

Polo tanto, con esta declaración denunciamos que, a pesar dos avances acadados, a violencia de xénero segue a ser unha lacra na nosa sociedade, polo que é preciso seguir apoiando con firmeza medidas efectivas e reais que traballen en prol da súa erradicación e da igualdade entre homes e mulleres.

Cada 25 de Novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, entre actividades escolares e concentracións, atópase un dos actos máis sinalados que se celebran no Concello de Marín: os Premios Lazo Violeta.

Estes galardóns poñen en valor o labor e o esforzo dalgúns marinenses en relación á protección e á visibilización e loita contra a violencia machista.

Ademais, cada 25N organízase unha programación especial nos centros
educativos e coa colaboración do profesorado desenvólvense actividades didácticas dirixidas ao alumnado de todas as idades, co fin de sensibilizar en materia de igualdade e contra a violencia de xénero.

Mulleres invisibles, realidades visibles

WEBS ASOCIADAS

2025 Concello de Marín. Todos los derechos reservados