Jordi Bru, artista referente do fotorrealismo, retrata a xesta dos marinenses no Día da Liberación
Jordi Bru, artista referente do fotorrealismo, retrata a xesta dos marinenses no Día da Liberación

Jordi Bru, artista referente do fotorrealismo, retrata a xesta dos marinenses no Día da Liberación

A Asociación de Veciños do Monte Penizas doará ao Concello un cadro no que o fotógrafo pamplonés recrea a toma do Forte de San Fernando por parte das Alarmas do Morrazo. Presentarase o martes 2 de setembro no Museo Torres, xunto cunha exposición doutro libro de Bru sobre navíos da Armada Española.

Marín, 26 agosto 2025

O fotógrafo especializado en recreacións históricas a través da técnica do fotorrealismo, Jordi Bru (Pamplona, 1967), inspirouse na fazaña dos homes e mulleres valentes de Marín que, unidos nas Alarmas do Morrazo, enfrentáronse ás tropas francesas o 4 de abril, Día da Liberación, para reconquistar a nosa vila.

Esta inspiración foi posible grazas á mediación da Asociación de Veciños do Monte Penizas, a través do seu presidente, José Iglesias. A entidade veciñal, promotora desta iniciativa, doará o cadro de Bru ao Concello, nun acto que se celebrará o martes 3 de setembro a partir das 20.00 horas no Museo Torres.

No espazo museístico reuníronse Iglesias e a concelleira Itziar Álvarez para preparar todo de cara a este acto, no que se procurará coñecer máis sobre a historia e o protagonismo da sociedade marinense nesta xesta acontecida en abril de 1809.

De achegar ese contexto histórico encargarase o propio Iglesias, que despois dará paso a unha intervención do artista, na que explicará con detalle como é o seu proceso de traballo, co que consegue imaxes hiperrealistas que serven de ferramenta gráfica idónea para coñecer máis sobre a nosa historia.

Ademais de poder vislumbrar o cadro do 4 de abril, o Museo tamén exporá unha mostra das imaxes incluídas no libro “La Armada Española”, no que o fotógrafo de Pamplona recolle a recreación de escenas navais do século XVIII, apoiado polo historiador Rafael Torres.

Traxectoria profesional de Jordi Bru

Fotógrafo profesional, cuia labor céntrase na recreación visual de exércitos e batallas históricas. As súas obras cobren desde os Tercios españois do século XVI ata a Segunda Guerra Mundial, pasando polas Guerras Napoleónicas, as Guerras Carlistas e a Guerra Civil.

Comezou a súa carreira como reporteiro gráfico no diario El Mundo, onde traballou durante unha década nas delegacións do País Vasco e Cataluña. En 1993 cubriu o conflito de Bosnia, unha experiencia que marcou a súa traxectoria. Posteriormente regresou a Pamplona e comezou traballar para revistas de arquitectura e cultura, así como para editoriais do País Vasco e Francia.

En 2013, descubriu a súa paixón polas recreacións históricas tras asistir por primeira vez a un evento napoleónico, o que lle levou a adoptar un estilo inmersivo: participa como recreador e fotografía as escenas desde dentro, mesturando documentalismo, meticulosa documentación e montaxe dixital.

Anterior O Concello abre a licitación para instalar as luces de Nadal, nas que investirá máis de 100.000 euros

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados