Máis de 500 remeiros na Copa Galicia Concello de Marín

Máis de 500 remeiros na Copa Galicia Concello de Marín

Dous centenares de remeiras e trescentos remeiros competirán o próximo sábado en augas de Marín na Copa Galicia Concello de Marín, inmersa na Semana Abanca. A cifra de 34 bateis con tripulación feminina supón un novo rexistro na historia do remo. Ás 15.00 horas comezarán as quendas, fronte ao Paseo Alcalde Blanco e está prevista unha cerimonia de clausura cerca das 18.00 horas. O evento presentouse hoxe no Concello de Marín e estiveron presentes a alcaldesa, María Ramallo; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e membros da organización.

Coa organización do Club Marítimo de Vigo, a histórica Sociedade Deportiva Samertolameu, baixo o paraugas federativo da Galega de Remo, a Copa Galicia segue logrando unhas cifras de participación moi altas que ano a ano seguen crecendo.

Nesta ocasión, os clubs que se dan cita son Tirán, Moaña, Rianxo, Ares, Samertolameu, Meira, Narón, Cabo de Cruz, Bueu, Cangas, Mugardos, Coruxo, Chapela, Arealonga, Cabana e Mecos.

As categorías son alevíns, infantís, cadetes e xuvenís, tanto masculinas como femininas, e o único club que presenta un batel en todas as categorías é Cabo de Cruz-Boiro. Non obstante, os clubs de Tirán, Samertolameu e Chapela superan esta cifra ao presentar as súas filiais.

Trala competición, ás 19.00 horas, terá lugar no Auditorio do IES Illa de Tambo de Marín a quinta edición da Gala do Remo Galego, onde se entregarán 27 galardóns que serán a nivel de club, salvo cinco persoais. Os clubs de remo con máis premios son Miño de Tui, Mandeo de Bergondo e Remo Vigo, os tres con tres galardóns cada un. Por provincias, once premios son para Pontevedra, dez para A Coruña e un para Lugo, concretamente para o Club de Remo de Ribadeo.

Os premios máis destacados son para o coruñés José Manuel Saborido polo seu traballo na Esteirana e para Rodrigo Conde, o moañés do Club de Remo Miño de Tui, que realizou unha excelente tempada, logrando o billete para Tokio 2020.

Anterior Formación Competencias Clave no Ámbito da Igualdade

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados