Manuel Torres como nunca antes: unha xornada para redescubrir ao renovador descoñecido da arte pictórica galega do pasado século
Manuel Torres como nunca antes unha xornada para redescubrir ao renovador descoñecido da arte pictórica galega do pasado século

Manuel Torres como nunca antes: unha xornada para redescubrir ao renovador descoñecido da arte pictórica galega do pasado século

A concelleira Itziar Álvarez e o membro do Consello da Cultura Galega, escritor e comisario, Ramón Rozas, presentaron a xornada que terá lugar en torno á figura plástica máis importante de Marín o 17 de xuño no seu museo

Marín, 06 xuño 2025

Laxeiro, Colmeiro, Souto, Maside… e si, Torres. O quinto Beatle, como di o escritor e comisario Ramón Rozas, desa xeración plástica coñecida como Os Renovadores, que nos anos trinta do pasado século incorporaron as achegas das vangardas históricas á pintura galega. A figura do noso pintor máis relevante será posta en valor da man do Consello da Cultura Galega, cunha xornada na que redescubrir a obra de Manuel Torres, que se celebrará o 17 de xuño de 17.00 a 20.00 horas e que foi presentada pola concelleira Itziar Álvarez e polo propio Rozas.

A actividade enmárcase dentro do ciclo “Revisando a nosa arte”, imulsado polo organismo autonómico, e ten por obxectivo poñer en valor e revisitar a traxectoria creativa do pintor marinense, que pode situarse á altura do resto de pintores galegos antes mencionados e que acadon máis fama que o artista local.

Na xornada participarán varios relatores, que irán centrando as súas conferencias en distintos momentos da vida de Torres, analizando o contexto social, político e económico e como este tivo a súa pegada no seu desenvolvemento artístico.

Un deses relatores será Carlos L. Bernández, comisario de exposicións, crítico de arte e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, que se centrará na primeira parte da traxectoria de Torres, entre 1927 e 1936, onde entra en contacto coas experiencias pictóricas en Madrid e París, o que marca a súa decidida participación nos aires de cambio da pintura en Galicia e como despois segue a súa traxectoria nun contexto bélico.

Despois, Ramón Rozas centrará a súa intervención nesa posguerra e no exilio ulterior en Marín, un caso insólito fronte ao dos seus compañeiros de xeración, que, por distintas circunstancias, desenvolveron a súa vida e obra en diferentes latitudes.

Rematará a xornada, cunha mesa redonda á que se incorporarán, ademais dos dous relatores, Antón Sobral, pintor de Marín cunha relación persoal co propio Manuel Torres, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, onde se gardan varias das súas pezas artísticas máis relevantes.

A entrada á xornada é completamente libre e sen inscrición ata completar aforo.

Anterior A cultura afrobrasileira inundará Marín<br>co Axé Bahia Fest, que se celebra esta<br>fin de semana en Briz

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados