Marín abrirá unha nova rúa en pleno corazón urbano: a Travesía República Arxentina

Marín abrirá unha nova rúa en pleno corazón urbano: a Travesía República Arxentina

Marín está a ser obxecto dunha importante transformación urbana no seu centro neurálxico. Ás humanizacións da Rúa Concepción Arenal ou da Estrada, súmanse outras obras de maior calado como a remodelación da Avenida de Ourense ou do Paseo Alcalde Blanco.

Agora, é a quenda para reordenar un espazo, a contorna de Inferniño, que está en pleno casco urbano, coa apertura dunha nova rúa: a Travesía República Arxentina. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, visitou esta mañá as obras, que se iniciaron esta semana, cos labores de desbroce previos.

“Con esta intervención, conseguiremos reordenar un espazo do centro urbano que actualmente está sen aproveitar e que mellorará o aspecto e a funcionalidade da zona”, asegurou o edil a pé de obra.

O importe total que se investirá na actuación será de 241.612,40 euros (máis IVE), con cargo ao Plan Concellos. Con novo vial, comunicaranse as rúas República Arxentina e Inferniño. Este espazo na actualidade presenta dúas situacións antagónicas.

Por unha banda, ten un tramo de 44 metros de lonxitude que se atopa pavimentado e que conta con beirarrías en ambas marxes, así como con todos os servizos urbanísticos (alumeado público, rede de saneamento e pluviais, abastecemento, enerxía eléctrica, telecomunicacións…). A rúa executada remata nun muro que a separa das fincas sen urbanizar.

Ademais dos labores de desbroce e acondicionamento da parcela, demolerase o muro que actualmente separa ambas zonas, así como as edificacions que están en estado ruinoso, e retiraranse os peches metálicos da parte non urbanizada.

Tal e como se establece no PXOM, a nova rúa contará cun só carril de circulación de sentido único e 4 metros de ancho, cunha banda de aparcamento en liña na marxe dereita de 2 metros de anchura e beirarrúas de entre 2,5 e 2,5 metros.

A urbanización da rúa contempla tamén a dotación dos servizos públicos de saneamento e recollida de augas pluviais, abastecemento, alumeado público, enerxía eléctrica, telefonía e rede de distribución de gas.

Calcúlase que a obra teña un prazo de execución de tres meses.

Anterior O Pleno adxudica definitivamente a limpeza de edificios municipais a Limpiezas FARO SL por catro anos

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados