Marín arranca cos traballos de limpeza dos leitos dos seus ríos

Marín arranca cos traballos de limpeza dos leitos dos seus ríos

A empresa Vegas Ambiental iniciou a actuación no río do Sequelo, onde o concelleiro Pablo Novas visitou os traballos, que se estenderán tamén aos ríos da Mouta, da Grela, Loira, Casás e Lapamán

Marín, 08 outubro 2026

Coa chegada do outono, o Concello de Marín activa unha vez máis un dos seus programas esenciais de mantemento medioambiental: a limpeza dos leitos dos ríos do municipio.

Os traballos, executados pola empresa Vegas Ambiental, acaban de comezar no río do Sequelo, onde o concelleiro Pablo Novas realizou unha visita para comprobar o inicio da actuación.

O obxectivo é facilitar a circulación da auga e reducir o risco de inundacións ante episodios de choivas intensas, evitando que a acumulación de vexetación, troncos e residuos provoque obstrucións e desbordamentos fóra dos leitos.

Retirada de maleza, troncos e residuos

A intervención comprende o triturado da maleza nas marxes e no fondo dos ríos, así como a retirada do material resultante. Tamén se recollerán os troncos de maior tamaño que non poidan triturarse, os plásticos e outros obxectos que se atopen nos cursos fluviais, para o seu traslado ao correspondente punto de xestión de residuos.

Ademais de mellorar o paso da auga, estas tarefas permiten retirar elementos que poden danar os ecosistemas fluviais, contribuíndo á conservación dos ríos mariñenses.

Actuacións en seis cursos fluviais

O programa desenvolverase nas seguintes localizacións:

● Río do Sequelo: limpeza de practicamente todo o seu leito, onde xa comezaron os traballos.
● Río da Mouta, na Laxe: desde a parcela situada detrás do antigo supermercado Mercadona ata uns 30 metros despois da ponte do Camiño do Peso. Inclúese tamén o corte e a recollida das canas do noiro situado xunto ao colexio da Laxe.
● Río da Grela: desde o lavadoiro de Coirados ata o punto no que rematan as casas, unha vez pasado o lavadoiro da Presa.
● Río Loira: desde a praia de Loira ata a ponte situada detrás dos talleres Sertali.
● Río de Casás: desde a praia do Santo ata o núcleo de Casás, aproximadamente 30 metros despois de pasar a PO-550.
● Río Lapamán: desde o camiño que une A Coviña con Lapamán ata a saída á estrada PO-550.

Con esta actuación, o Concello reforza o mantemento preventivo dos cursos fluviais antes dos períodos de maior precipitación, atendendo tanto á seguridade da súa contorna como ao coidado do medio natural.

Anterior A COVIÑA

2026 Concello de Marín. Todos los derechos reservados