Marín iniciará o luns as probas para contratar aos socorristas que coidarán das praias este verán

Marín iniciará o luns as probas para contratar aos socorristas que coidarán das praias este verán

2 xuño 2021

O próximo luns, día 7 de xuño, terá lugar na praia de Mogor a partir das 10.00 horas a primeira proba de selección para a contratación de 21 socorristas e 3 patróns, que traballarán este verán no servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Marín. Ademais, tamén haberá selección para un coordinador.

Segundo se pode ler nas bases, que están a disposición da cidadanía na páxina web do Concello, as tarefas a desempeñar polos socorristas dentro do dispositivo serán, de xeito xeral, as que tenden a garantir a seguridade dos usuarios dos areais: previr situacións potencialmente perigosas, vixiar e intervir ante un accidente ou situación de emerxencia.

No caso dos patróns socorristas, as tarefas incluirán o manexo de embarcacións de salvamento e o seu coidado, así como as operacións básicas de mantemento das mesmas e todas aquelas inherentes aos socorristas.

O coordinador terá que encargarse da organización do servizo, do calendario de traballo e a dotación de material, de informar ao Concello de calquera tipo de incidencia, anomalía ou necesidade de material, da recollida de datos para a elaboración de estatísticas e outras cuestións relativas ao seu posto.

Entre os requisitos para os aspirantes figuran ter nacionalidade española, ser maior de 16 anos, ter o Título de Graduado en Educación Secundaria Obligatoria ou equivalente, ter a titulación de Socorrista Acuático en espazos naturais, estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (na sección de socorristas en espazos acuáticos naturais), non padecer enfermidade ou limitación física que impida o desenvolvemento do traballo, non estar inhabilitado para traballar na Administración pública e ser desempregado e estar inscrito no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandante de emprego. No caso dos patróns, pedirase tamén ter o Título de Patrón de Navegación Básica ou o de Patrón de Embarcación de Recreo.

Para a selección dos socorristas e os patróns, realizaranse dúas probas obrigatorias e eliminatorias. Unha física, na praia de Mogor, que consistirá en realizar 250 metros de nado libre e 150 metros de desprazamento terrestre (carreira), e outra teórica, que consistirá na resolución dun cuestionario tipo test de 20 preguntas. Nas bases poden consultarse os temarios a tratar.

A selección para o coordinador realizarase no Salón de Plenos do Concello ás 13.00 horas e consistirá nunha proba teórica de resolución dun test de 40 preguntas e unha proba psicotécnica, na que se resolverá un test de personalidade e se realizará unha entrevista persoal.

A maiores, no caso dos coordinadores, contará ter experiencia profesional como coordinador de socorrismo, tanto na Administración Pública como na privada, e estar en posesión de títulos relacionados co labor a desempeñar.

Area limpa e duchas e lavapés activos, pero sen papeleiras

A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, explicou ademais que xa se levaron a cabo nos últimos días todos os traballos de limpeza da area e de mantemento dos areias, para que estean en perfecto estado de cara ao seu uso.

Ademais, volven estar activas as duchas e os lavapés, que o ano pasado estiveron clausurados por mor das restricions sanitarias derivadas da pandemia. Así a todo, tal e como indicou a edil, o que non se recuperarán serán as papeleiras.

“Reforzaremos os colectores de recollida selectiva, de reciclaxe, nas entradas e saídas das praias, para incentivar o bo tratamento dos residuos, e ademais, evitamos que se cren focos de suciedade no medio do areal”, explicou Acuña, que indicou tamén que a retirarada das papeleiras da praia “foi premiado como unha boa práctica por parte da Adeac, o organismo de sustentabilidade medio ambiental responsable de dar as Bandeiras Azuis”.

Anterior O Concello contratará a 10 persoas beneficiaras dunha RISGA para traballos en obras públicas

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados