A vila marinense segue conseguindo éxitos no eido deportivo. Despois da presentación e apertura de matrícula das Escolas Deportivas Municipais, ás que se anotaron cerca de 1.000 nenos e nenas, a Concellería de Deportes anunciou hoxe a creación dun novo club, o Club Saltos de Trampolín de Marín, que ensinará esta disciplina na piscina da Escola Naval Militar.
Os saltos de trampolín son unha das novidades que este ano incorporou o Concello á oferta das Escolas Deportivas Municipais, en colaboración ca Federación Galega de Natación, á que xa se anotaron once participantes. “Sendo o primeiro ano, para nós é un gran éxito”, subliñou o concelleiro Antonio Traba, que onte recibiu na localidade ao director técnico de Salto da Federación Española de Natación, Donald Miranda, cuxo departamento asesorará ao Concello.
Ambos estiveron acompañados polo adestrador desta escola, Pablo Hinojar, que será quen estea á fronte do novo club co que contará a vila marinense, único en Galicia. A nivel estatal, tamén supón toda unha boa noticia, dado que unicamente se pode adestrar saltos de trampolín en Madrid, Barcelona, Mallorca e Canarias.
As instalacións da Escola Naval Militar, “á que lle agradecemos profundamente a súa colaboración, non só por prestarnos a súa piscina para este deporte, senón tamén para a práctica do waterpolo e do triatlón”, contan con dous trampolíns aptos para os adestramentos, un de catro metros e medio e outro de seis metros e medio, aproximadamente.
Os adestramentos da escola municipal serán os martes e xoves de 17.15 a 18.15 horas. Paralelamente, o club abre inscricións para que outros nenos e nenas que queiran adestrar poidan facelo. Para iso, será necesario chamar ao teléfono 628 48 70 72 ou escribir un correo electrónico ao enderezo info@fegan.org.
Unha oferta deportiva ampla
Durante a rolda de prensa desta mañá, Hinojar destacou a importancia que ten que os concellos “fagan apostas coma estas, investindo en diferentes disciplinas deportivas, para que os nenos poidan ter unha oferta ampla dentro da súa propia localidade”.