Marín quenta motores para a celebración do Entroido
Marín quenta motores para a celebración do Entroido

Marín quenta motores para a celebración do Entroido

A concelleira Marián Sanmartín mantivo unha reunión de traballo con todas as entidades relacionadas co Entroido e xa están listas as bases de participación dos desfiles infantil e xuvenil

Marín, 13 xaneiro 2026

Pasadas as datas de Nadal, no Concello arrancan os motores das Festas do Entroido, que se celebrarán do 13 ao 18 de febreiro. A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo onte unha reunión coas entidades e asociacións que participan do desenvolvemento destas festas para coordinar a programación e publicar as bases de participación nos desfiles.

O infantil será o sábado, 14 de febreiro, ás 16.30 horas, con previa inscrición media hora antes na Alameda, diante do Palco da Música. O percorrido será o habitual: Rúa Real, Praza do Reloxo, Rúa do Sol e Concepción Arenal, rematando no Parque Eguren, onde haberá a gran festa infantil.

Poderán participar nenos e nenas nados a partir do ano 2012, é dicir, que teñan menos de 14 anos. As persoas maiores de 14 anos quedarán excluídas da avaliación do xurado e só será posible inscribirse nunha soa categoría. Os/as acompañantes deberán ir disfrazados e non poderá ir máis dunha persoa
adulta por cada 4 nenos/as. Valorarase a orixinalidade, o vestiario, a actitude, o ritmo e a animación.

Haberá catro premios individuais, catro de parellas, cinco de grupos e tres de comparsas, sumando unha contía total de 1.860 euros.

O domingo 15 de febreiro será a quenda do desfile de adultos, que arrancará ás
17.00 horas, con convocatoria media hora antes, e sairá da Praza do Regueiro para percorrer toda a Avenida de Ourense, a Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e

Concepción Arenal, rematando no Parque Eguren. A continuación, o xurado dará a coñecer os/as gañadores/as dos premios, elixidos entre aqueles que ademais do disfrace transmitiran a súa ledicia, troula e ánimo propios do Entroido ao longo do percorrido.

Repartiranse tres premios individuais, tres de parellas, dez de grupos e oito de comparsas. As comparsas poderán acceder a unha axuda de 100 euros se non gañan ningún premio, unha contía que é de 75 euros no caso dos grupos. O importe total a repartir será de 11.375 euros.

O xurado puntuará a dificultade na elaboración do vestiario, a súa vistosidade, a actitude, o ritmo e a animación. Pódense ver todos os requisitos para participar en cada categoría nas bases, publicadas na web municipal.

Contías fixas para as comparsas

Aos cartos dos premios súmanse as retribucións ixas das comparsas. As de 20 participantes ou máis, reciben 225 euros por participar no desfile infantil e 100 euros polo de adultos. No caso das que son entre 14 e 19 participantes, as contías son de 150 euros polo desfile infantil e 50 polo de adultos.

En total, abónanse 6.500 euros e non poderán participar máis das primeiras 20 comparsas inscritas. Nas bases pódense consultar cales son os requisitos para acollerse a estas contías fixas.

Anterior Ramallo destaca a importancia da modificación da Lei de Patrimonio para impulsar proxectos de calado no día a día dos concellos

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados