22 febreiro 2021
Traballar para conseguir unha vila moderna, integrada, avanzada a nivel tecnolóxico e con todas as comodidades para a veciñanza, apostando por un modelo de economía sostible e coidadoso co noso medio ambiente.
Eses son os obxectivos que persegue o Goberno local de cara a crear o Marín que queremos, un Marín cada vez máis aliñado cos obxectivos globais que se traballan desde España e Europa e que procuran que os territorios sexan máis habitables para os veciños e veciñas.
A vila marinense xa leva moito camiñado neste senso grazas á xestión que está a realizar dos Fondos DUSI, a través do proxecto Marín Dusi, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Humanización e dotación de novas infraestruturas para o municipio, aforro enerxético a través da renovación da iluminación pública, recuperación de espazos degradados, posta en marcha dun sistema de Smart Citie para o aproveitamento das novas tecnoloxías… Sobre esas bases está asentada esta estratexia local, que agora contará cun novo programa paralelo, grazas á Axenda 2030.
Tal e como anunciou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, Marín solicitará a adhesión de Marín á Rede de Entidades Locais para desenvolver os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) para a Axenda 2030 da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias).
Esta rede está formada polos Gobernos locais que se comprometen a localizar e implementar os ODS da Axenda 2030 de forma transversal nas súas políticas públicas municipais. “Desde Marín, levamos anos traballando para conseguir estes obxectivos de mellora da calidade de vida pública e seguiremos facéndoo, sumándonos a esta nova ferramenta que nos ofrecen ás entidades locais”, aseguro a rexedora.
Con esta adhesión, que será levada ao Pleno da vindeira semana, o Goberno local comprometerase a determinar un conxunto de actuacións, que deberán incorporarse nun Plan de Actuación ou Estratexia Local, no que se inclúa unha análise da situación e un plan de localización e implementación destes obxectivos europeos.
Os obxectivos ODS son os seguintes: fin da pobreza, fame cero, saúde e benestar, educación de calidade, igualdade de xénero, auga limpa e saneamento, enerxía asequible e non contaminante, traballo decente e crecemento económico; industria, innovación e infraestrutura; redución das desigualdades, cidades e comunidades sostibles, produción e consumo responsables, acción polo clima, vida submarina, vida de ecosistemas terrestres; paz, xustiza e institucións sólidas, e alianzas para lograr os obxectivos.
“O camiño que agora debemos facer é o de aplicar ao noso contexto local estes epígrafes, fomentando actuacións concretas que nos axuden a conseguilos desde unha perspectiva municipal”, explicou Ramallo.