As potenciais beneficiarias deberán estar dadas de alta como demandantes de emprego no SEPE, onde se poderá pedir máis información sobre o programa, que está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Marín, 03 outubro 2024
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración concedeu unha subvención ao Concello de Marín por importe de 176.000 C para o desenvolvemento do Programa Integrado de Emprego Concello de Marín 2024/2025, aportando os
44.000 C restantes o Concello de Marín ata completar os 220.000 C de orzamento máximo que tería o programa.
A grande novidade respecto a anteriores edicións é que o PIE Concello de Marín 2024/25 terá como beneficiarias a un total de 100 mulleres desempregadas.
O programa desenvolverase ata o 30 de setembro de 2025 e comezará coa selección de mulleres desempregadas inscritas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego, que será o encargado de remitir ás posibles candidatas.
A finalidade última do Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín 2024/25 é a de posibilitar a integración laboral de mulleres demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral, mediante a posta en marcha de proxectos que combinen accións de diferente natureza, tales como:
● Información, orientación e asesoramento.
● Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.
● Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.
● Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.
● Fomento da capacidade emprendedora.
● Prospección empresarial.
● Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.
● Formación para o emprego.
● Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico práctico das accións formativas.
● Obradoiros sobre mobilidade laboral.
Cada participante terá o seu itinerario persoalizado de inserción según a súa formación, experiencia profesional, inquedanzas, aptitudes e os seus propios obxectivos profesionais.
As mulleres interesadas en participar na selección terán que estar inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego para poder participar na mesma, pois será este quen facilitará a relación de posibles mulleres candidatas a atender.