‘Marín, Vila do Libro’ inaugurarase o 16 de maio cun espectáculo de Gallos del Norte
‘Marín, Vila do Libro’ inaugurarase o 16 de maio cun espectáculo de Gallos del Norte

‘Marín, Vila do Libro’ inaugurarase o 16 de maio cun espectáculo de Gallos del Norte

Irene Rega, Juan Parcero, David Gago, Elena Gallego e Francisco Castro son algúns dos autores que participarán no festival literario da localidade pontevedresa

Marín, 6 de maio de 2025

Marín prepárase para converterse en epicentro da cultura e a literatura galega coa celebración do festival ‘Marín, Vila do Libro’, que terá lugar do 16 ao 18 de maio, coincidindo coa celebración das Letras Galegas. O acto de inauguración, o venres 16 de maio, contará coa actuación en directo de Gallos del Norte, que achegará a nota musical a unha xornada de apertura que promete reunir a amantes dos libros, a música e a cultura galega. A agrupación presentará un espectáculo de creación espontánea de versos, con base na tradición da poesía e o canto oral, enmarcado ademais nun proxecto de inclusión e integración para persoas con discapacidade.

Unha programación para todos os públicos

Esta primeira edición contará cunha programación diversa e para todos os públicos, que incluirá mesas de diálogo entre novelas, recitais poéticos, obradoiros de oficios do libro e concertos, e na que xa están confirmadas as participacións de autoras e autores de referencia no panorama literario galego. Entre os nomes destacados figuran Irene Rega, que participará na mesa de novela negra con Tecendo redes, e Elena Gallego coa súa obra Ata que a morte nos separe.

Para abordar outros xéneros populares, haberá unha mesa de ciencia ficción que contará con Juan Parcero, con A soidade selénica, un título que afonda na introspección e a poética do cotián; e David Gago, quen falará sobre as súas obras de ciencia ficción Ertelion e R.E.S.E.T., dous títulos que conquistaron aos lectores máis novos.

Pola súa banda, Francisco Castro, escritor, editor e figura clave na difusión da literatura galega, será homenaxeado cun repaso á súa traxectoria profesional e literaria.

Asemade, dado que a iniciativa do festival é herdeira do exitoso proxecto catalá Vila del Llibre, tamén haberá espazo para abordar a relación entre Galicia e Cataluña cunha mesa redonda dedicada a Manuel Vázquez Montalbán e outra na que afondaremos nas traducións ao catalán de poetas galegos de todos os tempos.

Entre a programación para a cativada, destaca un obradoiro de creación artesanal inmediata, no que se poderán aprender todos os detalles deste arte perdido, así como obradoiros de encadernación ou contacontos.

A concelleira de Cultura de Marín, Marián Sanmartín, destacou que este festival achega “novas experiencias de vivir a literatura, xa que se trata dunha cita cun amplo programa cultural con concertos, obradoiros e charlas, entre outras actividades”.

Nos próximos días darase a coñecer a programación completa, que incluirá presentacións, obradoiros, actividades familiares e propostas culturais abertas a todos os públicos.

Máis información:

Teléfono 644 769 679

Email viladolibro@gmail.com

Anterior Os lugares do Pereiro e Cadrelo, en Santomé de Piñeiro, prepáranse para celebrar as Festas de San Diego 2025

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados