Marín crea un novo itinerario peonil e amplía as zonas verdes na contorna do Auditorio

Marín crea un novo itinerario peonil e amplía as zonas verdes na contorna do Auditorio

A actuación, cun investimento de 111.999,97 euros a través do Plan de Sostibilidade Turística financiado con fondos NextGenerationEU, conecta a Alameda, a Praza de España, o Auditorio e o Paseo Alcalde Blanco

Marín, 25 de xuño de 2026

O Concello de Marín completou unha actuación de mellora e acondicionamento do espazo público na contorna do novo Auditorio e da Oficina Virtual de Turismo, co obxectivo de integrar estes equipamentos co centro urbano, a fachada marítima, o Paseo Alcalde Blanco e a dársena portuaria.

O proxecto permitiu substituír superficies de asfalto e cemento e parte da antiga área de aparcamento por zonas verdes. Os xardíns dos parterres do Auditorio foron acondicionados e reverdecidos, incorporando vexetación a un ámbito que ata agora tiña un carácter predominantemente pavimentado.

Un percorrido peonil entre o centro e a fachada marítima

A intervención incluíu a creación dunha nova beirarrúa que enlaza a Alameda Rosalía de Castro coa Praza de España, o Auditorio e o Paseo Alcalde Blanco. Este percorrido axuda a ordenar os desprazamentos a pé entre algúns dos principais espazos culturais, sociais e de lecer da vila.

Ao longo do itinerario instaláronse bancos, para facer máis cómodo o uso do espazo público, así como novas luminarias eficientes. A actuación contribúe deste xeito a configurar unha contorna máis verde, accesible e agradable para a veciñanza e para as persoas que visitan Marín.

O proxecto forma parte do Plan de Sostibilidade Turística de Marín, financiado a través dos fondos europeos NextGenerationEU, e supuxo un investimento de 111.999,97 euros.

Anterior A COVIÑA

2026 Concello de Marín. Todos los derechos reservados