Mañá conmemórase o Día Internacional da Loita Contra a Violencia Machista e Marín contará cunha programación de actos adaptada á situación sanitaria, que impide que, como todos os anos, se poida facer un acto institucional multitudinario.
Así, a primeira hora da mañá, a alcaldesa, María Ramallo, dirixirase á cidadanía a través das redes sociais do Concello, cun vídeo no que rescatará parte da declaración institucional aprobada en sesión plenaria. Esta declaración de xeito íntegro tamén estará colgada na web do Concello para que poida ser lida e consultada pola veciñanza.
Por outra banda, Ramallo referirase na súa mensaxe virtual aos grupos de traballo que resultaron merecentes do Premio Lazo Violeta 2020, que son aqueles que interveñen cando se produce un caso de violencia machista na vila: a Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía de Marín (UFAM), o Punto de Atención Continuada (PAC) e a Unidade de Traballo Social de Atención Primaria, a quenda especial de violencia de xénero do Colexio Oficial de Avogacía de Pontevedra, o Xulgado de Garda, o Centro de Recuperación Integral da Muller, a Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Igualdade en Galicia.
A partir das 11.00 horas e até as 13.00, a Alameda acollerá unha intervención artística de teatro espontáneo no que se poderá ver o banco da igualdade que logo quedará radicado en Briz. A través da arte, o Concello tratará de visibilizar e de concienciar sobre a lacra machista e as súas consecuencias nas mulleres que son vítimas.
Ás 12.00 horas, na Casa Consistorial haberá un minuto de silencio no que participarán os representantes do Consello Municipal da Muller, da Mesa Contra a Violencia de Xénero e da Corporación Municipal. Ademais, o Concello convida á cidadanía a realizar ese minuto de silencio de xeito individual nos respectivos eidos laborais, educativos…
Finalmente, o CIM estreará a súa web, que supón un importante paso na súa dixitalización e no seu incansable traballo de formación e divulgación en igualdade. Nela poderán atoparse recursos a utilizar por toda a cidadanía.