O Bolo do Pote, unha tradición gastronómica que volve á actualidade o próximo domingo

O Bolo do Pote, unha tradición gastronómica que volve á actualidade o próximo domingo

Degustar o bolo do pote non era ningunha novidade nin supoñía un acontecemento especial no tempo das nosas avoas. Pero agora, co avance do mundo industrializado e a mellora das condicións económicas, comer este alimento é algo que só se pode facer en citas gastronómicas como a que terá lugar o domingo, na Alameda, e que está enmarcada na programación para conmemorar o #8M, Día Internacional da Muller.

A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e o presidente de Pousos da Area, Jose Iglesias, presentaron esta mañá esta nova edición, na que esperan repartir preto de 1.000 racións deste alimento. Tal e como explicou Iglesias, “nós seguimos a mesma receita dunhas mulleres de Pardavila, que tamén era a que seguían os membros de Fentos e Frouma, a asociación que ata hai uns anos organizaba a festa”.

O bolo do pote era moi típico das casas do interior, “como no caso das parroquias de Marín”, debido a que naqueles tempos “non era posible ter pan de diario. Había fornos comunitarios nos que podías ir facer pan unha vez á semana, pero tiña que durar fresco todo ese tempo”. Por iso, nas casas galegas, aproveitando que se facía o cocido, “cocían na auga do caldo este bolo, composto por fariña de millo e de centeno”.

Deste mesmo xeito, este sábado pola noite os voluntarios de Pousos da Area poranse mans á obra para facer o cocido e elaborar as racións de bolo do pote. “Leva moito tempo, porque non se poden apilar dentro da pota”, afirmou Iglesias. “É un traballo moi de valorar”, engadiu a concelleira, consciente do traballo e da implicación que supón sacar adiante esta cita gastronómica.

As racións poderán degustarse na Alameda, onde a partir das 13.30 horas estará habilitada a carpa. Dentro dos actos da programación do #8M tamén figura a celebración da andaina e da ruta deportiva Montes e Praias, que ten o seu remate na mesma Alameda, “polo que esperamos que moita xente se anime a comer unha ración e a coñecer máis sobre esta tradición culinaria da nosa vila”.

O grupo “Sara e Sofía” de versións de música actual encargarase da ambientación musical e tamén haberá varios postos de artesanía e venda de produtos gastronómicos galegos.

Por outra banda, a Asociación Santo Tomé de Piñeiro estará na outra banda da Alameda practicando cos rapaces o xogo de Urralas olas, típico do Domingo de Piñata, data fixada no Entroido galego.

Anterior Convocado o XVI Premio de Narración Curta Concello de Marín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados