19 xaneiro 2021
O coidado dos maiores é unha prioridade para o Concello de Marín, especialmente nestes momentos duros de pandemia, nos que foron afectados dun xeito directo, pero xa antes, conscientes do gran volume poboacional que supoñen e das necesidades específicas que teñen.
Nesa liña, hai máis dun ano púxose en marcha na Finca de Briz o Centro Terapéutico para as Persoas con Alzheimer da man da asociación Afapo. A pesar do pequeno parón motivado polo estrito confinamento de marzo, o centro recuperou a súa actividade cumprindo con todas as medidas por ser un servizo sanitario esencial para os seus usuarios, que viron afectado o seu nivel cognitivo como consecuencia do illamento.
Este curso, o centro ponse pois de novo en marcha e segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, “xa se conta con 14 usuarios”. Dados os grupos que se realizaron para que poidan vir en quendas máis reducidas, “aínda quedan 6 prazas vacantes”, informou a edil.
Deste xeito, aquelas familias que teñan interese en beneficiarse deste servizo gratuíto, poden poñerse en contacto con Afapo a través dos teléfonos 986160442 ou 986842141. Por suposto, haberá unha previa valoración polos técnicos de Afapo para coñecer o nivel de progresión da enfermidade da persoa e poder así asesorar dunha maneira personalizada.