O CIP de Mogor rexistrou unha importante afluencia durante o verán a pesar das limitacións de aforo derivadas da Covid19

O CIP de Mogor rexistrou unha importante afluencia durante o verán a pesar das limitacións de aforo derivadas da Covid19

Aínda que este verán foi moi especial, marcado pola pandemia da COVID-19, o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor puido abrir as súas portas de xeito case normal, aínda que si condicionou o desenvolvemento da xestión e das actividades que se levaron a cabo, tal e como recolle o informe que esta mañá presentou o Concello.

En primeiro lugar, houbo un protocolo estrito en canto ás medidas de seguridade, tanto polo persoal encargado da atención ao público como polos visitantes. As medidas adoptadas, de acordo co Concello, foron as seguintes:

  • Instalación dunha pantalla de protección no mostrador de atención ao público.
  • Xel hidroalcohólico dispoñible para persoal e público
  • Uso permanente de máscara por parte do persoal e do público visitante a partires de 6 anos
  • Garantía en todo momento do mantemento da distancia de seguridade
  • Non se podía tocar os paneis do Centro nin o xogo existente
  • O aseo existente no Centro foi de uso exclusivo do persoal técnico
  • O protocolo seguido tamén limitou o aforo tanto no interior do Centro como nas actividades, sendo o número máximo de 5 visitantes no centro e de 10 participantes nas visitas guiadas, tanto nocturnas como diurnas
  • No caso das nocturnas, estableceuse a obrigatoriedade de reserva previa, algo que nunca se fixo con anterioridade.

O cumprimento destas medidas, gracias á colaboración dos visitantes, permitiu evitar calquera incidente e non se constatou ningún contaxio. Ademais, a pesares das condicións especiais, o público seguiu asistindo ao Centro.

Horario apertura

O informe presentado esta mañá recolle os datos de visitas ao Centro durante o período de apertura continua correspondente á tempada de verán, entre o 13 de xuño e o 13 de setembro do presente ano 2020.

O horario foi o habitual, o mesmo durante todo o período: de martes a domingo, de 11:30 – 13:30 h. e 18:00 – 21:00 h., polo tanto 5 h. diarias (luns pechado por descanso e mantemento).

Neste horario ofertáronse diariamente dúas visitas guiadas de 30 minutos de duración, unha pola mañá de 12:30 – 13:00 h. e outra pola tarde de 20:00 – 20:30 h. Fixéronse visitas guiadas nocturnas en venres alternos nos meses de xullo e agosto. En total foron 5 visitas, os días 3, 17 e 31 en xullo, e os días 7 e 21 en agosto. O horario foi de 22:30 – 23:30 h. 3.

Datos de asistencia de visitantes

O número total de visitantes para este período foi de 1.474 persoas, incluídas aquí tamén os que fixeron visitas guiadas nocturnas. As estatísticas que caracterizan ao público visitante se realizan habitualmente en base aos datos de visita diúrna ao Centro, pero nesta ocasión e, debido ao reducido número de persoas que podían participar nas visitas nocturnas, foi posible rexistrar tamén os datos necesarios para caracterizar tamén a este público e, polo tanto, incluílo nas estatísticas.

Nas seguintes dúas gráficas de visitantes por día de semana e por horas pódese comprobar como a afluencia por horas é bastante regular ao longo do día, ao igual que o é por día de semana, se ben a primeira hora da tarde destaca lixeiramente sobre as demais horas, ao igual que tamén destacan lixeiramente como días da semana de máis afluencia os martes e domingos.

Segundo as estatísticas da empresa Anta de Moura, que se encarga da xestión do centro, hai un claro predominio dos tramos 41-50 e 51- 60 anos, como é habitual, estando os demais tramos de idades ben representados, a excepción das persoas de máis de 70 anos. Á marxe do perfil de visitante que reflicte a gráfica, cabe sinalar que a relación homes/mulleres é parella, cunha lixeira vantaxe das mulleres; cun 53% por 47% de homes.

En canto ao tipo de vista, é dicir, en relación a se os visitantes se achegan sos ou acompañados, é claro o predominio das vistas de grupo como se pode comprobar na gráfica que segue, por diante de parellas e moito máis escasas as individuais. Moitas destes grupos están constituídos por parellas cos seus fillos.

Como sinalamos noutras ocasións, resulta importante apuntar que no número total de visitantes só se computan como tales aqueles que entran no Centro (coa excepción das visitas nocturnas, que se computan aínda que non entren no Centro), e que son moitos os que visitan os petróglifos sen entrar no Centro, estea este aberto ou non.

Como xa apuntamos en anteriores ocasións, a cifra de visitantes desta tempada de verán podería incrementarse nunha porcentaxe de cando menos un 30%. Como dato relevante cabe destacar o habitual éxito das visitas guiadas nocturnas, que foron un total de 5 que sumaron 54 asistentes, debido á limitación de prazas como xa se apuntou anteriormente.

Anterior O Concello habilitará un novo aparcadoiro disuasorio en Jaime Janer con capacidade para 50 prazas

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados