Portocelo, Aguete, Mogor, Loira e O Santo son os areais da nosa costa que contan coa distinción da Bandeira Azul, un certificado de calidade medioambiental que outorga a Adeac (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor), que cada ano realiza unha inspección para comprobar que se cumpre con todos os requisitos necesarios para renovar, verán tras verán, este importante distintivo.
Segundo explicou esta mañá o Concello, despois de recibir a valoración da inspección realizada este ano nos areais, xa se levaron a cabo aquelas melloras solicitadas pola entidade medioambiental, que estaban sobre todo orientadas a cuestións de sinalizacións e da dotación de algunhas unidades de reposto de determinados materiais relacionados co servizo de Salvamento e Socorrismo.
Ademais, o Concello asegura que de cara ao ano que ven renovaranse algúns dos paneis para actualizar datos que quedan obsoletos e adecuaranse as medidas tomadas.
ADEAC recomendou ao Concello a eliminación definitiva das papeleiras dos areais e deixar só as do paseo, tal e como se fixo este ano pola Covid 19. O Concello mostrou a súa conformidade neste tema, e agradece a excelente acollida dos usuarios, xa que a resposta foi moi satisfactoria.
Unha inversión constante na xoia natural do municipio
Todos os anos, o Concello realiza unha inversión nas praias para mantelas no mellor estado posible, tanto a nivel medioambiental como no que respecta á prestación de servizos durante a época do verán.
Este ano, o esforzo económico aumentou considerablemente, dadas as necesidades que derivaron da crise sanitaria da Covid19, que supuxo a toma de novas medidas, como a intensificación das limpezas ou a posta en marcha dunha ferramenta de control en tempo real do aforo dos areais.
Con estas novas medidas, a inversión deste ano ascendeu a cerca de 300.000 euros.