O Concello humanizará a Rúa Estrada para dotar de máis espazo e comodidade aos peóns

O Concello humanizará a Rúa Estrada para dotar de máis espazo e comodidade aos peóns

A Rúa Estrada é un dos viarios máis céntricos da vila marinense, colindando ca Policía Local e o Concello. A súa fisionomía, dun ancho medio actual en torno aos 11 metros, incluíndo o estacionamento nas dúas beiras, caracterízase polas beirarrúas estreitas.

Por iso, dentro da estratexia do Goberno local de mellorar a mobilidade e a comodidade do peón no centro urbano, levarase a cabo esta obra de humanización, financiada nun 70% pola Xunta de Galicia, ao abeiro do convenio de colaboración firmado entre a alcaldesa, María Ramallo, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Tal e como se pode ler na memoria do proxecto, con esta actuación “trátase de ir consolidando zonas do centro urbano con características que faciliten a convivencia e a mobilidade dos veciños, puidendo exportar nun futuro este modelo ás rúas adxacentes”.

A reordenación do vial basearase na eliminación dun dos carrís de estacionamento, concretamente o da marxe esquerda, gañando desta forma espazo para aumentar as beirarrúas.

Desta maneira, as beirarrúas pasarán a contar cunha amplitude de 2.70 metros en ambas marxes. A calzada tamén contará con 3.30 metros de espazo, cun único carril de circulación, respectando o actual fluxo rodado do viario.

Saneamento e alumeado público

Por outra banda, os actuais servizos municipais que discorren pola Rúa Estrada, como son o abastecemento e a rede de saneamento separativa están “en moi mal estado de conservación e funcionamento”, segundo indica o informe técnico do proxecto.

Desta forma, a humanización servirá para renovar toda a canalización, así como os elementos do alumeado público, que tamén presentan un mal estado e contan con luminarias de baixa eficiencia enerxética.

Anterior O prazo para presentar solicitudes ás hortas urbanas do Sequelo amplíase ata o 20 de xaneiro

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados