O Concello de Marín informou esta mañá de dúas resolucións de Alcaldía relativas á reanudación dos períodos de pago das taxas municipais e das recadacións, no marco da desescalada do estado de alarma e da volta á normalidade das medidas que se tomaron de xeito extraordinario para facer fronte á crise sanitaria da Covid19.
No que respecta ao imposto de vehículos de tracción mecánica e á taxa por ocupación da vía pública con reserva de aparcadoiro exclusivo, fixouse como nova data de remate do período voluntario de pago o 31 de agosto de 2020.
Ademais, o departamento de Tesourería informou que xa se comezarán a enviar aos domicilios correspondentes o documento de pago actualizado cos novos prazos para que poidan proceder no abono do tributo.
Por outra banda, é sabido que desde o 1 de xuño recuperouse a vixencia dos prazos administrativos que foron suspendidos. Desta maneira, reanúdase a posta ao cobro das taxas e dos prezos públicos, polo que se pon en funcionamento de novo toda a tramitación para os procedementos de xestión tributaria e recadación.
Primeiro, cumplirase co calendario de pagos previsto e despois, á súa finalización, poranse ao cobro as fraccións pendentes dos meses de marzo, abril e maio con periodicidade mensual.