O Concello de Marín traballa na mellora da iluminación en todos os puntos do municipio, tanto no casco urbano como no rural. Dentro desta liña de traballo, encádrase a execución dunha das últimas inversións que pecharán o 2020 para o Concello, que ten que ver coa renovación integral do alumeado público da estrada Vilaseca – O Pazo, na parroquia de Ardán.
Esta actuación, que se está a executar nestes momentos, supón unha inversión de 48.300 euros e divídese en dous tramos. Por unha banda, no tramo de Vilaseca, está a renovarse a instalación e estanse colocando novos puntos de luz para facer máis extensa a rede de alumeado.
No que respecta ao tramo do Monte de Víos, estase a instalar un novo alumeado, xa que non se contaba con este servizo neste tramo.
En total, en todo o proxecto, renovaranse 20 puntos de luz e instalaranse outros 21 novos para reforzar a seguridade viaria en toda a zona.