O Concello proxecta unha pump-track para o ocio urbano e un parque infantil na contorna do río Lameira

O Concello proxecta unha pump-track para o ocio urbano e un parque infantil na contorna do río Lameira

4 marzo 2021

O entorno do río Lameira é un espazo natural céntrico e moi utilizado pola veciñanza de Marín, que se atopa preto de instalacións e servizos tan importantes como o centro de saúde, o CEP Sequelo e o pavillón ou as hortas urbanas.

O Goberno local anunciou recentemente un dos proxectos máis importantes en materia de saneamento que se realizará na vila, a mellora integral do colector que transcorre por este río, unha obra fundamental, de enorme calado, que suporá un antes e un despois na prestación deste servizo.

Este proxecto realizarase ao abeiro dun convenio con Augas de Galicia e irá máis alá das actuacións propias do saneamento. Así o declarou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, na comisión celebrada  no Concello.

Xa no Pleno da Corporación da pasada semana, explicouse que este proxecto leva asociada unha mellora da superficie do espazo, coa posta en marcha de actuacións complementarias que revaloricen toda a contorna.

 

Unha aposta polo ocio urbano para a mocidade

A edil anunciou hoxe que se creará unha área de ocio infantil e xuvenil na zona verde que hai entre o centro de saúde e o pavillón do Sequelo, á altura da Urbanización Virxe do Carme.

Neste parque ubicaranse varios elementos de ocio infantís, como tobogáns, balancíns, bambáns… Pero ademais, pensando na rapazada adolescente, o Goberno local apostará polo ocio urbano, orientado ao mundo do skate e da BMX, coa creación da primeira pista pump-track da vila, é dicir, un circuíto deportivo que se poderá percorrer co monopatín ou coa bicicleta e que xerará a propia inercia do movemento grazas aos desniveis.

“Queremos seguir apostando polo ocio deportivo da mocidade, moi centrado na cultura urbana que en Marín ten moitos seguidores e que supón unha actividade saudable nunha contorna tan verde e viva como é a do Lameira”, asegurou a concelleira.

Ademais, no parque crearase unha zona axardinada que servirá como peche da instalación con mobiliario urbano, bancos, unha pérgola de madeira para crear sombra… Ese espazo contará cunha fonte que percorrerá o parque e que terá auga canalizada desde o río, cunha serie de surtidores con chorro vertical ornamental ao longo de todo o canal.

 


Ampliación do itinerario peonil e enlace coa senda de Coirados-Pardavila

Outra das cuestións relacionadas co aproveitamento do entorno do Lameira e que xa figuran no proxecto desde a súa redacción e así volveu explicalo esta mañá a concelleira na comisión informativa é a continuación da senda, de maneira que una Ponte Zapal co lavadoiro de Coirados, e, á súa vez, que enlace coa senda peonil de Coirados-Pardavila, recentemente inaugurada. En todo o percorrido, dotarase ao itinerario de mobiliario urbano, como bancos e papeleiras.

A concelleira recalcou que “esta obra, incluíndo a mellora do saneamento e todas as súas actuacións complementarias, mellorará, sen dúbida, a vida dos veciños e veciñas de Marín”.

Anterior O Concello comezará o reparto de adhesivos actualizados para as mesas das terrazas a partir de mañá

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados