O Pleno aproba o primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais de Marín

O Pleno aproba o primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais de Marín

O Pleno municipal da Corporación aprobou inicialmente onte, cos votos favorables do PP e do BNG e a abstención do PSOE, o primeiro Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais do Concello de Marín.

O proxecto foi elaborado pola empresa Seaga, ao abeiro dun convenio que a empresa ten coa Xunta de Galicia e coa Fegamp e ao que está adherido o Concello de Marín. Este convenio ten como obxectivo que todos os concellos galegos cumpran ca lexislación autonómica en materia de prevención e defensa contra os incendios.

Para o que o Xunta pon a disposición das entidades locais os servizos da empresa para elaborar os plans naqueles lugares onde aínda non se teñan, como era o caso do municipio marinense.

Segundo expuxo o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, durante o Pleno, o plan elaborado por Seaga foi remitido aos técnicos municipais e firmado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, organismo dependente da Consellería de Medio Rural.

Agora, o plan pasará a estar en fase de exposición pública durante 20 días. Se nese período non se recibe ningunha alegación, o plan xa entrará automaticamente en vigor, “estando listo ao cen por cen para a primavera do 2020”, coincidente ca nova tempada de actuacións para a prevención dos incendios forestais.

 

Franxas secundarias para freas as lapas

Tal e como explicou Novas, o proxecto contempla unha primeira fase do plan, consistente na creación de franxas secundarias, é dicir, áreas de seguridade que se separen 50 metros do límite xeográfico do núcleo rural, que deben estar libres de maleza e de especies pirófitas.

“Este é un paso moi grande para poder cumprir ca lexislación vixente, podendo controlar moito mellor os límites das parcelas, de xeito ordenador eficaz, dado que, ata o de agora, tiñamos que facelo case finca a finca”, explica o edil de Medio Rural. “Debemos aproveitar esta oportunidade que nos da a Xunta para poder xestionar a nosa propia biomasa e arborado”, engadiu.

A segunda fase do proxecto, que se realizará máis adiante, tamén por Seaga, contempla a protección daquelas vivendas illadas e das redes de viarios rurais e urbanos que non están dentro dos núcleos.

 

Unha aplicación para as notificacións

Co fin de desenvolver na práctica os plans municipais, Seaga pon a disposición dos concellos a aplicación Xesbio, toda vía en fase de creación, a través da cal o concello marinense poderán introducir de forma informatizada todos os datos das referencias catastrais que se verán afectadas polo novo plan municipal.

Así, poderán enviarse sinxelamente as notificacións aos propietarios das fincas para que poidan proceder á adaptación e limpeza das súas fincas, en caso de atoparse dentro do límite dos 50 metros das franxas secundarias.

Anterior A Rotonda das Anclas, afectada pola colisión dun camión

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados