O Samaín Briz quenta motores para converter o Parque dos Sentidos no Parque do Terror

O Samaín Briz quenta motores para converter o Parque dos Sentidos no Parque do Terror

Apenas queda unha semana para que a Finca de Briz deixe de ser o Parque dos Sentidos e se converta no Parque do Terror para celebrar unha nova edición do Samaín Briz.
Para conseguilo, o Concello, a Fundación Juan XXIII, a Comparsa Os Da Caña están ultimando os preparativos necesarios para ambientar todo o espazo, de maneira que a inmersión na tarde-noite do 31 de outubro, o próximo xoves, sexa total.
De cara a levar a cabo esta festa, que quere erixirse como unha referencia en Galicia no calendario de outono, o Concello tomará unha serie de medidas das que é preciso avisar á veciñanza.
Accesos á finca
Por unha banda, do luns 28 ao mércores 30, os accesos á finca estará restrinxidos para as labores de decoración. Unicamente estarán abertos os accesos á Escola de Música, ao quiosco e ao edificio de Asuntos Sociais, que seguirá funcionando no seu horario habitual.
O mesmo día da festa, o xoves 31, a Finca permanecerá pechada durante todo o día ata que cheguen as 18.30 horas, momento no que abrirá as súas portas o Samaín Briz.
Cortes de luz
O día 31 tamén haberá cortes puntuais na iluminación pública para poder conseguir a escuridade que precisan as camiñadas de terror e de espanto.
Aparcadoiros para o día da festa
Os organizadores son conscientes de que a afluencia de xente vai ser elevada, polo que o Concello traballou na elaboración dun plan de aparcadoiro específico. As parcelas de estacionamento disuasorias que poderán utilizar os que veñan ata Marín en coche son as seguintes:
Parcela de Ponte Zapal, a máis cercana á finca
Zona de Praza de España
Parcela da Rúa Inferniño
Parcela da Rúa República Arxentina
Parcela de Concepción Arenal
Parcela de Rúa Sagrada Familia
Ademais, a Rúa Exército e Mariña, que bordea á Praza de Abastos, estará habilitada en dirección única descendente, tal e como se fai nos días de Mercadiño, polo que haberá posibilidade de estacionar en toda a marxe esquerda do viario.
Finalmente, tamén estará aberto o aparcadoiro do IES Chan do Monte, desde o que se pode acceder facilmente á Finca de Briz, e incluso pódese aproveitar para estacionar o viario de Praias, que tamén está preto da finca.
A pesar destas facilidades, o Concello recomenda a todo o que poida que chege a pé ou utilizando o transporte público.
Reparto de tickets para as camiñadas
Tal e como xa se anunciou, haberá dous tipos de camiñadas: de espanto, para principiantes, e as de terror, para valentes.
Ambas rutas repetiranse cada cinco minutos, de maneira ininterrumpida, de 19.00 a 21.00, no caso das de espanto, e de 19.00 a 00.00 no caso das de terror. Organizaranse en grupos, de tal maneira que é obrigatorio adquirir un ticket na entrada principal da Finca previamente.
Aínda que as portas abrirán ás 18.30 horas, o Concello informa de que a partir das 18.00 xa se empezarán a repartir tickets entre as persoas que estean facendo cola diante da finca, co obxectivo de axilizar o máximo posible este trámite.
Outras cuestións de interese
Aconséllase que os nenos que sexan menores de 12 anos estean acompañados por un adulto.
En canto á comida, haberá postos de castañas, filloas, rosquillas, churros, choripán e chocolatada. Tamén instalaranse algúns postos de venta e de exposición de artesanía, incluíndo as creacións dos participantes no obradoiro de cabazas que terá lugar o xoves pola mañá na Alameda de Rosalía de Castro.
O Concello quere agradecer a colaboración da Funeraria San Marcos, que pon a disposición do decorado dúas caixas fúnebres, e a Servizos Cantodarea, que tamén cedeu un quilómetro de corda.

Anterior O Nadal en Marín terá de novo como protagonistas ao carrusel e ao tren

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados