22 xaneiro 2022
A promoción turística da nosa vila ten un elemento diferenciador e único que se revalorizará aínda máis nos próximos anos: o Viario de Praias. A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou esta mañá que o Concello vén de remitir á Adeac a renovación da certificación deste sendeiro como Sendeiro Azul.
A unión que consegue este itinerario peonil, cunha parte tamén de senda ciclista, de praias de Bandeira azul fixéronno merecedor deste galardón medio ambiental nos últimos anos e todo indica que, de novo, o organismo certificador revalidará este distintivo para o sendeiro marinense.
“Sabemos que o noso Vial de Praias é un activo non só turístico, senón tamén medio ambiental que debemos preservar, coidar e mellorar”, aseguran fontes municipais. Precisamente, nesa liña está prevista a actuación de mellora da mobilidade no Vial, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística de Marín, dotado con 2,5 millóns de euros, financiados a través dos fondos europeos Next Generation EU.
Os obxectivos deste proxecto serán a mellora integral do itinerario peonil-ciclista, dotándoo de seguridade, conectándoo coa rede ciclable que se vén de facer no casco urbano de Marín na Avenida de Ourense e mellorando, en xeral, todas as barreiras de accesibilidade que hai nos accesos ás praias ao longo do trazado do vial. A actuación completaríase coa colocación de aparcadoiros para as bicicletas.
Por outra banda, mellorarase a iluminación naqueles puntos nos que aínda non haxa iluminación LED, a pesar de que gran parte do viario xa foi renovado neste sentido.