O Concello de Marín vén de anunciar unha serie de medidas que afectarán ás vendedoras e vendedores de excedentes de produto agrícola que realizan a súa actividade no espazo multiusos da Praza de Abastos.
Segundo explicou a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, estes vendedores só poderán instalarse os martes, xoves, sábados e as vésperas de festivos. Ademais, terán que ubicarse cunha separación entre vendedores de entre 4 e 6 metros, polo que non só estarán no Multiusos, senón que tamén se habilitará o patio norte da Praza de Abastos para este fin.
En total, haberá entre 20 e 25 vendedores, entre os que terán prioridade aqueles que sexan de Marín para a súa instalación. No caso dos que veñen doutros Concellos, poderán ocupar un espazo ben no Multiusos, ben no patio norte, sempre e cando quede vacante algún espazo dos ocupados polos vendedores locais de Marín.
No caso de que non existan espazos vacantes, poderán colocarse na contorna da Lameiriña, “sempre respectando todas as medidas de prevención e distanciamento físico”, afirma Acuña.
A montaxe dos postos asignados terá que realizarse antes das 08.30 horas, dado que senón ese posto poderá ser ocupado, vía sorteo con presenza do conserxe, a outros vendedores que así o soliciten.
Por outra banda, a concelleira avisa de que os vendedores terán un prazo para que aporten no Rexistro do Concello a referencia do polígono e da parcela onde cultivan os seus excedentes que poñen á venda. Tamén deben darse de alta cando sexa posible no Rexistro de Venda Directa da Xunta de Galicia, que regula este tipo de actividade.
Finalmente, Acuña explica que todos os vendedores terán que utilizar o material de prevención de contaxios (mascarillas, luvas, xel hidroalcohólico…) e estará prohibido por parte dos clientes tocar o produto á venda.