19 marzo 2021
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Rural, Pablo Novas, visitaron conxuntamente co responsable da empresa executora e cos técnicos municipais as obras de humanización do Camiño Vello de Seixo, que están a avanzar a moi bo ritmo e que suporán unha substancial mellora desta rúa en pleno casco urbano da parroquia marinense.
Tal e como lle explicaron os técnicos á rexedora e ao edil, parte dos servizos relacionados con abastecemento e saneamento xa están renovados e colocados, así como os trazados das novas beirarrúas.
O proxecto abrangue o tramo comprendido entre a rúa Doutor Otero Ulloa (estrada PO-551) e o cruce coa Estrada O Grupo Escolar de Seixo, coa finalidade de entroncar coa actuación que xa se realizou anteriormente até a estrada provincial EP-1202.
“Esta rúa atopábase en moi mal estado, tal e como incluso aínda se pode ver no pavimento que está por retirar e ao ser moi utilizada pola veciñanza, requería deste importante esforzo de humanización, para convertela nun espazo renovado e cómodo para o seu uso, con todos os servizos modernizados, xa que se producían moitas avarías polo seu deterioro”, explicou a alcaldesa a pé de obra.
Coa actuación, anchearanse as beirarrúas ata uns 2,50 metros (dependendo nalgúns puntos das fachadas de edificios anexos) e no que respecta á calzada, quedará o sentido único desde a Rúa Doutor Otero Ulloa ata o Mercado, con carril de 3,5 metros de amplitude.
No que respecta ao estacionamento, deixarase á beira de toda a marxe dereita do viario un espazo de máis de dous metros.
Tanto Ramallo como Novas mostraron a súa satisfacción ante a boa execución dos traballos, “que suporán unha mellora para a calidade de vida dos veciños de Seixo e unha reforma moi importante para o centro urbano da parroquia”, en palabras do concelleiro.
O proxecto está a subvencionarse coa liña do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, por un importe total de 374.361,63 euros.