Ramallo mantén unha Xunta de Portavoces para avaliar a situación sanitaria na vila

Ramallo mantén unha Xunta de Portavoces para avaliar a situación sanitaria na vila

28 xaneiro 2021

A alcaldesa, María Ramallo, presidiu á no Concello de Marín unha Xunta de Portavoces, na que participaron o concelleiro Manuel Santos, polo grupo do Partido Popular; Manuel Pazos, polo PSdG-PSOE de Marín, e Lucía Santos, polo BNG de Marín.

A xunta convocouse co ánimo de compartir co resto de grupos da Corporación municipal a situación actual no noso concello relativa á pandemia do coronavirus e tomar unha serie de decisións que afectan ao día a día municipal.

Así, tal e como explica a rexedora, “decidiuse que os órganos colexiados das Comisións Informativas e o Pleno da Corporación quedarán de momento postergados até que pasen estas dúas semanas nas que estarán vixentes estas novas restricións”. No caso de que pasado este tempo se manteña a situación nesta gravidade, comezarán a celebrarse de novo de xeito semipresencial, apoiándose nas ferramentas telemáticas.

Por outra banda, a alcaldesa facilitou aos portavoces toda a información que se ten sobre a pandemia na vila e resumiulles as medidas tomadas de xeito directo polo Goberno local, como o peche das instalacións deportivas e das casas de cultura e locais municipais, que xa estaba vixente desde hai meses, ou as axudas a nivel financeiro, coa bonificación de taxas para os establecementos que teñan que estar coa súa actividade pechada.

No que respecta ás axudas económicas aos sectores afectados, Ramallo insistiu en que o Concello está disposto e a favor de establecer un Fondo Covid19 conxunto, xestionado pola Xunta de Galicia, coa cofinanciación de todas as administracións porque, “tal e como xa expresei noutras ocasións, é fundamental que actuemos de xeito coordinado para canalizar mellor a axuda, de tal modo que sexa efectiva”.

Asemade, preguntada por se é posible realizar un cribado masivo na poboación marinense, Ramallo explicou que se lle consultou ao SERGAS esta posibilidade, explicando a autoridade sanitaria que só se están a realizar estes dispositivos nos concellos que teñen unhas incidencias acumuladas de máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, “e nós afortunadamente de momento estamos lonxe diso”.

No que respecta á información que se está a trasladar á cidadanía, a alcaldesa lembra que están habilitados de xeito continuo os teléfonos da Policía Local e de Servizos Sociais, así como as redes do Concello, nas que se trata de resolver toda dúbida que se prantexa por parte da veciñanza.

Unha das cuestións que tamén aclarou a alcaldesa foi a relativa á contabilización de casos activos no Concello, nos que, ante as dúbidas suscitadas, Ramallo aclarou que non computan os da Escola Naval Militar, xa que non teñen o seu médico de cabeceira na nosa vila. “A Escola ten o seu estrito protocolo, que obriga á realización periódica de test de antíxenos ao alumnado e que lles impide saír da Escola máis alá que para a realización de recados e de trámites esenciais”, afirmou a rexedora.

 

 

 

Anterior O PMUS, o documento reitor da transformación urbana de Marín, avanza na súa tramitación

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados